Investigadores do Campus de Lugo ven posibilidades na utilización da madeira de carballo galego en barricas para a crianza de viños

Un equipo de investigación da Escola Politécnica Superior de Lugo liderado polo profesor Ignacio Díaz-Maroto en colaboración coa Universidade de Castela A Mancha estudou a aptitude da madeira de carballo galego (Quercus robur L.) para a fabricación de barricas para a crianza de viños. Da investigación resultou un viño do ano 2009 da variedade mencía que este venres se catou por vez primeira no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos. O proxecto iniciouse en 2008 coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras e a Adega Algueira da D.O. Ribeira Sacra. Comezaron a traballar con catro barricas bordelesas, dúas na adega experimental da D.O. de Valdeorras ás que se lle deu un tostado lixeiro, e as outras dúas en Algueira, unha das primeiras adegas galegas que madurou en barrica viños da variedade mencía, que é precisamente coa que se ten feito a experiencia inicial. Estas últimas non teñen ningún tipo de tostado. Os primeiros resultados do proxecto son “alentadores”, xa que a opinión de diferentes expertos que cataron o viño, de xeito privado, é positiva. Neste sentido, para o propietario da Adega Algueira, Fernando González, “o viño promete xa que a madeira non o enmascara e ademais é moi respectuosa coa propia uva”. Ademais, a análise sensorial das mostras realizadas no Laboratorio de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Castela A Mancha que dirixe Marisol Pérez Coello se obtiveron valores moi axeitados de graduación alcohólica, así como de cantidade de volátiles. De todos os xeitos, Díaz-Maroto aclara que será necesario esperar ata 2012 para coñecer os primeiros resultados realmente fiables, que se obterán cando se comparen as anadas de 2009 e 2010. Ampliar a outras especies En Galicia existen de 200.000 hectáreas de carballeiras autóctonas e a súa madeira utilizouse na elaboración de recipientes para transportar viños, pero en poucas ocasións para obter caldos de crianza, algo que si estaba estendido na época romana. O grupo autor da investigación ‘Selección de indicadores químicos e forestais da calidade das madeiras de carballo e castiñeiro para a industria enolóxica’, financiada pola Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía do Ministerio, leva estudando cerca de 20 anos as características do carballo, dende seus aspectos ecolóxicos ata as características físicas e mecánicas da súa madeira, e agora para uso enolóxico, que queren ampliar a outras especies como castiñeiro e cerquiño.