Ir o contido principal

Investigadores do Campus Terra e da Universidade de Baylor patentan compostos de usos farmacolóxicos e terapéuticos

Amparo Alfonso, no seu despacho na Facultade de Veterinaria
Amparo Alfonso, no seu despacho na Facultade de Veterinaria
Amparo Alfonso, do grupo Farmatox da USC que coordina Luis Botana, lidera esta liña de traballo, na que participa o químico Daniel Romo, entre outros colaboradores

O grupo de investigación da USC GI-1682 Farmatox, coordinado polo catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Luis M. Botana e con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, promove xunto con Daniel Romo, profesor de Química da Universidade de Baylor (Texas) e codirector de CPIRT Synthesis e do laboratorio Drug-Lead Discovery, a solicitude de patente internacional dunha familia de compostos que presentan utilidades farmacolóxicas e terapéuticas e que xa teñen espertado o intereses dalgunhas compañías multinacionais.

Este novo avance ou descubrimento científico, cuxo rexistro de patente xa está iniciado en Estados Unidos, é o resultado dun dilatado e laborioso traballo de investigación que se iniciou nos proxectos europeos, xa rematados, Pharmatlantic e Pharmasea, liderados por Luis M. Botana, e nun vixente liderado na USC pola profesora do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Facultade de Veterinaria de Lugo, Amparo Alfonso, e no que, ademais dos investigadores do grupo Farmatox da USC e do xa citado investigador da Universidade de Baylor, tamén participan os servizos de Farmacoloxía e Cardioloxía do Hula, a través do seu director, Carlos Fernández-Juanatey, e o Fondo de Investigación da Seguridade Social a través do seu Instituto de Saúde Carlos III.

Alén de salientar a colaboración interdisciplinar entre distintas entidades e administracións, o catedrático Luis M. Botana tamén fixo fincapé no feito de que a patente xa tramitada permite dar máis visibilidade ás pescudas desenvolvidas durante anos no marco dos proxectos europeos Interreg Pharmatlantic e FP7 Pharmasea, financiados pola Comisión Europea. Programas e proxectos de investigación nos que tomaron parte preto de 50 socios, relata Botana.

O obxecto da patente en curso non é outro que o de protexer o resultado da síntese de varios compostos do grupo das gracilinas, extraídas dunha familia de esponxas mariñas atopadas no Índico, e que teñen propiedades antiinflamatorias e inmunomoduladoras, particularidades estas que poden resultar moi interesantes para o futuro desenvolvemento de novos fármacos, sinalaron Botana e Alfonso.

A implicación do profesor Romo nesta investigación centrouse no desenvolvemento de estruturas miméticas ás que presentan as gracilinas, mentres que os investigados do grupo Farmatox estudaron a súa potencial incidencia farmacolóxica e os seus efectos e impacto como inhibidoras de enzimas que contribúen a mitigar ou, no seu caso, evitar o rexeitamento no caso de transplantes de órganos. Outros dos beneficios deste composto afecta ás súas propiedades para mitigar inflamacións e, moi posiblemente, segundo apunta Botana, estamos diante dun elemento acaído para tratar ou previr enfermidades cardiovasculares e neurodexenerativas, tal e como pode ser o Alzhéimer.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2018.