Ir o contido principal

Investigadores do Campus Terra e da Universidade de Parma exploran posibles usos do lúpulo no ámbito da cosmética e da nutracéutica

Produtores e de lúpulo e investigadores italianos con investigadores da USC, na EPS de Enxeñaría
Produtores e de lúpulo e investigadores italianos con investigadores da USC, na EPS de Enxeñaría
Unha delegación liderada polo investigador da Universidade de Parma Tommaso Ganino visita a EPS de Enxeñaría de Lugo para coñecer o traballo que está a realizar o investigador do grupo PROePLA Javier J. Cancela ao abeiro do Grupo Operativo Lúpulos de Calidade
Lugo

Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC e da Universidade de Parma (Italia) explorarán as potencialidades que ofrece o lúpulo no ámbito da cosmética e da nutracéutica, tal e como se puxo de manifesto este martes durante a visita realizada á sede universitaria luguesa por unha delegación de produtores de lúpulo do Norte de Italia liderada polo profesor e investigador da Universidade de Parma Tommaso Ganino. O obxectivo desta visita responde ao interese da comitiva italiana por coñecer de primeira man as investigacións desenvolvidas e o traballo que está a realizar o grupo PROePLA ao abeiro do Grupo Operativo Lúpulos de Calidade, un consorcio creado en 2018 e no que un equipo coordinado por Javier J. Cancela colabora con outras sete entidades de tres comunidades autónomas.

O profesor Javier J. Cancela, que tamén participou na recepcion institucional ofrecida pola directora e o subdirector da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero e Emilio Carral, respectivamente, aproveitou este encontro con produtores e investigadores chegados de Italia para compartir os resultados dos traballos xa realizados polo Grupo Operativo Lúpulos de Calidade de España nos últimos anos, un período no que se desenvolveron distintas opcións encamiñadas a optimizar a subministración de recursos hídricos nas plantacións de lúpulo, ademais de avanzar no control e erradicación de plagas e outras enfermidades ou, entre outras accións, concretar parcelas cultivo en ecolóxico.

O maior desenvolvemento da produción de lúpulo en España, que na actualidade conta con arredor de 600 hectáreas de produción deste cultivo, na súa maioría concentradas en Galicia, Castela León e Catalunya, constitúe outro dos motivos que propician a visita desta delegación do norte de Italia, onde a produción de lúpulo se concentra en apenas 100 hectáreas de superficie.

O investigador da EPS de Enxeñaría salientou asemade as múltiples potencialidades que depara o lúpulo, tanto no que atinxe á optimización dos procesos e rendementos de produción como no relativo a I+D. De feito, Cancela recoñece que se ben a maioría do lúpulo colleitado na actualidade se destina á produción de cervexa, este cultivo tamén é acaído para o desevolvemento de produtos de cosmética e mesmono campo da nutracéutica.

A delegacion italiana recalou na sede universtiaria luguesa logo de completar un percorrido polos principais lugares de cultivo de lúpulo existentes en Galicia e, sobre todo na provincia de León. Depois de varios días, a delegación italiana poñerá esta tarde á súa estadía en España cunha visita ao campus de Compostela da USC, onde tamén manterá un encontro informativo coa investigadora Mar Vilanova.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.04.2023.