Investigadores de Ciencias da Educación, galardoados nos Premios Educacompostela
Dúas propostas deseñadas por investigadores das facultades de Ciencias da Educación de Santiago e de Formación do Profesorado de Lugo resultaron galardoadas nos Premios Educacompostela de innovación, calidade na educación e renovacións pedagóxica que convoca o Concello de Santiago. Na súa novena edición, esta convocatoria buscaba recoñecer, promover e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.
O segundo premio, dotado con 900 euros, recaeu no proxecto ‘Ser docente a través da arte’, proposto polos docentes da facultade luguesa de Formación do Profesorado Vicente Blanco Mosquera e Salvador Cidrás Robles e por Rocio Modia Vázquez. O xurado destacou a súa orixinalidade e o esforzo por crear pontes entre a práctica docente e a creación artística.
Os materiais presentados, destaca o ditame, promoven “o pensamento crítico para poder cuestionar os nosos propios roles e en que medida son froito da elaboración persoal ou unha posición sociocultural”. Como engade o xurado, valorouse o desenvolvemento da iniciativa “ especialmente nun momento no que a creación artística amósase desvalorizada no currículo escolar”.
Dimenome
Presentado pola integrante do grupo de investigación Stellae, Silvia López Gómez, Educacompostela outorgou o terceiro premio –dotado con 600 euros- a ‘Dimenome’ polo “deseño coidado e pedagóxico do material e as posibilidades que ofrece de traballar en diversos contextos e públicos diversos, así como o seu carácter manipulativo”. Na concesión do premio valorouse igualmente as posibilidades que o material ofrece para traballar con alumnado con diversidade funcional tanto en contextos formais como non formais así como a adaptación do material ao contexto galego, o que se reflicte na súa proposta de actividades e nas imaxes ofrecidas.
O obxectivo de Dimenome céntrase no reforzo da lingua e a cultura galega mediante a utilización de diferentes linguaxes, como o visual, os signos ou a utilización de braille, entre outros recursos asociados.