Ir o contido principal

Investigadores de dez universidades españolas participarán en setembro no campus de Lugo nun foro de docencia veterinaria

Cartaz do I Congreso VetDoc de Docencia Veterinaria
Cartaz do I Congreso VetDoc de Docencia Veterinaria
O 10 de agosto remata a inscrición para asistir ao I Congreso VetDoc, que se celebrará na Facultade de Veterinaria de Lugo os días 5 e 6 de setembro

A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acubillará os días 5 e 6 de setembro a primeira edición do Congreso VetDoc de Docencia Veterinaria, un foro promovido pola Asociación Española de Veterinarios Docentes (VetDoc), que preside a profesora do Departamento de Patoloxía Animal da USC Cristina Castillo, e no que xa formalizaron a súa inscrición preto de 60 profesores e investigadores pertencentes a dez universidades españolas.

O prazo de inscrición para participar neste foro, organizado a xeito de xornada de encontro e intercambio de opinións de docentes interesados e comprometidos coa mellora da calidade da ensinanza e da aprendizaxe dos futuros graduados/as en Veterinaria, rematará o vindeiro 10 de agosto. A formalización da matrícula debe facerse a través da páxina web do congreso, cuxo comité organizador está formado por profesores e investigadores das universidades de Santiago de Compostela e de Murcia. A primeira edición deste foro de docencia veterinaria impulsada pola asociación VetDoc terá unha estrutura áxil, na que se combinan sesións maxistrais con outras nas que os participantes poñen en común diversas comunicacións, proxectos, investigacións e experimentacións... O número de presentacións remitidas para a súa divulgación no marco deste foro xa supera o medio centenar, segundo indicaron os organizadores deste foro. As dúas leccións maxistral incluídas no programa deste congreso serán impartidas pola Profesora de medicina de grandes animais e epidemioloxía na facultade de Veterinaria da Universidade de Nottingham, a doutora Wendela Wapenaar, e polo doutor e profesor da USC Miguel Ángel Zabalza Beraza, quen, entre outros cargos, desenvolve o cometido de coordinador da formación de profesorado universitario da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. As novas técnicas e metodoloxías de ensinanza e aprendizaxe na formación de veterinarios e a as expectativas que a sociedade ten depositadas no profesorado universitario centrarán a temática das intervencións destes dous relatores. As distintas sesións de traballo programadas no marco deste congreso permitirán aos participantes analizar e debater cuestións relacionadas coas metodoloxías docentes, as ligazóns entre a docencia veterinaria e a sociedade, métodos de avaliación e formación dos docentes, a adaptación dos estudos de Veterinaria ao Espazo Europeo de Educación Superior e o actual título de grao, o uso das TIC na docencia e as prácticas externas.

A celebración deste congreso de docencia veterinaria servirá asemade como sede da primeira asemblea xeral dos socios integrados na Asociación Española de Veterinarios Docentes, unha sesión que se desenvolverá o 5 de setembro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2014.