Investigadores de Edafoloxía e Química Agrícola crean un modelo estatístico para determinar a cantidade de carbono orgánico almacenado nos solos en Galicia
O Protocolo de Kioto recoñece a capacidade do solo como sumidoiro de carbono para secuestrar ou fixar CO 2 atmosférico e a súa importancia na loita contra o cambio climático. A cantidade de carbono orgánico almacenado nos solos, coñecido como ‘stock de carbono’, pode ser incorporado nos inventarios de carbono dun país e compensar as súas taxas de redución de emisións á atmosfera, sempre que os stocks fosen cuantificados e acreditados mediante técnicas transparentes e verificables. Luis Rodríguez Lado, Marcela Rial Tubio e Antonio Martínez Cortizas investigadores do Departamento de Ciencia do Solo e Química Agrícola da USC identificaron os factores que inflúen na acumulación do carbono orgánico no chan en Galicia e crearon un modelo estatístico para estimar a cantidade almacenada nos solos. Os investigadores empregaron técnicas de estatística multivariante para establecer as relacións entre o contido de carbono nos solos e unha serie de variables ambientais, e realizar un mapa do carbono acumulado nos 30 centímetros superficiais do chan. Este mapa, cunha resolución espacial de 25 m/pixel, “é o máis completo e preciso feito ata agora en España, e mostra claramente as diferenzas na distribución do contido de carbono orgánico nos solos desta comunidade”, explica Luís Rodríguez. "Sabemos que a variabilidade espacial das concentracións de carbono orgánico é o resultado dunha combinación de factores climáticos, usos do solo e substrato xeolóxico. Descubrimos que o peso destes factores non é equivalente, actuando con intensidades e a escalas espaciais diferentes" di o doutor Rodríguez Lado. No desenvolvemento deste traballo utilizaron técnicas de regresión en estruturas latentes (PLS), un método estatístico comunmente usado en espectroscopia, para comprender como estes factores poden explicar as diferenzas nas concentracións de carbono orgánico observados na área de estudo. Dentro do proxecto creouse tamén un ‘Atlas Climático’ en formato dixital para estudar os efectos do clima sobre a distribución das propiedades do solo, concluíndo que a taxa de precipitación é o factor ambiental que exerce maior influencia na acumulación de carbono orgánico. “ O clima actúa a escala rexional, de xeito que as áreas con maiores índices de precipitación, balance hídrico positivo e con períodos de sequía curtos ou nulos son aquelas que presentan solos con máis carbono”, explican os investigadores. Así, “unha diminución nas taxas de precipitación e un aumento das temperaturas, tal e como indican os escenarios de cambio climático previstos para o sur de Europa, poden provocar unha mobilización do carbono almacenado nos solos cara á atmosfera, aumentando aínda máis máis o efecto do cambio climático”, engaden á vista do traballo desenvolvido. As diferenzas de temperatura en Galicia parecen ter unha influencia secundaria sobre a acumulación/degradación da materia orgánica no solo. O efecto da temperatura sobre a descomposición de materia orgánica do solo “é obvio se o analizamos a escalas globais ou hemisféricas”. Non obstante, as diferenzas de temperatura observadas en Galicia “non parecen ser determinantes sobre a acumulación de carbono”. Por outra banda, os efectos debido ao tipo de uso do solo e ao substrato xeolóxico, aínda que estatisticamente significativos, son relativamente baixos en comparación co efecto atribuído ao clima. Neste senso, os contidos de carbono máis altos aparecen en pastos e monte, e en solos con altos contidos en formas activas de aluminio capaces de complexar e estabilizar compostos orgánicos, impedindo a súa degradación. No Ano Internacional dos Solos, este estudo revela que os sistemas edáficos de Galicia acumulan uns 550 millóns de toneladas de carbono, o que destaca a súa importancia como sumidoiro de carbono atmosférico e a necesidade dunha xestión sostible do territorio a fin de evitar a mobilización desta cantidade de carbono á atmosfera. O grupo ES2 ‘Sistema Terra’, coordinado polo profesor Antonio Martínez Cortizas, traballa no desenvolvemento de técnicas estatísticas para explicar, predicir e simular sistemas bioxeoquímicos terrestres. O grupo de investigación sinala tamén que a metodoloxía estatística utilizada neste traballo é transferible a outras áreas xeográficas, polo que os resultados deste proxecto poderían servir de base para a creación dun inventario de carbono orgánico do solo a nivel nacional. Os resultados preliminares do proxecto pódense consultar no servidor de mapas localizado no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) no enderezo http://rgis.cesga.es/solos/solos.html. O traballo, publicado na revista internacional con revisión por pares Geoderma, forma parte dos resultados obtidos no ámbito do proxecto ‘Establecemento dun sistema experto de base tecnolóxica para a cuantificación das propiedades dos solos en Galicia’, financiado pola Xunta de Galicia dentro do programa para investigadores Emerxentes-2011 (EM2012/060), no que Luis Rodríguez Lado é o investigador principal. Un segundo estudo, dentro do mesmo proxecto, foi recentemente publicado na revista internacional Science of the Total Environment e mostra a capacidade das técnicas espectroscópicas para estimar e cartografiar a cantidade de carbono contido nos solos de Galicia. Stock de carbono orgánico nos 30 centímetros superficiais de solos e Galicia