Investigadores da EPS de Enxeñaría de Lugo estudan as causas da mortalidade de amieiros nas concas dos ríos Miño, Sil e Limia
Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC adscritos aos grupos Biodiversidade e Botánica Aplicada (Bioaplic) e Proxectos e Planificación (Proepla) estudarán as causas e as circunstancias da mortalidade de amieiros nos ecosistemas fluviais das concas dos ríos Miño, Sil e Lima, ao abeiro do convenio asinado entre a USC e Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS). O reitor da USC, Antonio López Díaz, e o presidente da entidade hidráulica, José Antonio Quiroga, deron conta este mércores das actuacións programadas ata 2021 no marco desta nova vía de colaboración, que conta cun financiamento de máis de 125.000 euros a cargo da CHMS.
A nova liña de actuación promovida pola CHMS e a USC a prol da conservación dos ecosistemas fluviais e nomeadamente dos amieiros, cuxas poboacións están a experimentar en un decaemento xeral nas ribeiras de Galicia, pero tamén en diversas localizacións próximas á cornixa Cantábrica, pero tamén noutros países da Europa atlántica e mediterránea, dá continuidade aos traballos de carácter informativo e de diagnóstico xa desenvolvidos polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), segundo explicou a directora do Departamento de Botánica da USC, Rosa Ana Vázquez Ruiz de Ocenda, que conforma xunto cos tamén profesores da EPS de Enxeñaría Ignacio García González, Jorge Dafonte e Tomás Cuesta, o grupo de investigadores ligados directamente a este proxecto.
Estudos previos xa deixaron constancia da situación delicada xeral que presentan as poboacións de amieiros, nos que tamén se detectou a presenza do fungo Phytopthora Alni (Alnus glutinosa) cuxa acción, sen embargo, non pode considerarse como causa última nin única da elevada mortalidade que presentan as poboacións de amieiros. Daquela, explica Vázquez Ruiz de Ocenda, esta actuación financiada pola CHMS permitirá que o profesor García González desenvolva en colaboración con persoal da entidade hidráulica un estudo dendrocronolóxico das plantas danadas, o que permitirá coñecer información respecto da idade da árbore e do momento en que contraeu esta enfermidade. De xeito parello, Rosa Ana Vázquez Ruiz de Ocenda investigará sobre os procesos de modificación celular experimentados nas plantas enfermas, dado que unha das características das plantas é a súa plasticidade ou capacidade de adaptación ao medio no que se atopan e do que non poden fuxir, comentou.
A dendrocronoloxía permitirá coñecer a idade das árbores enfermas, así como o momento no que comezou o seu decaemento ou, entre outra información, o seu proceso de crecemento e decaemento. Esta datación é clave para abrir novas vías de investigación orientadas a determinar que posibles factores endóxenos ou mesmo esóxenos advertidos nese mesmo período puideron ser axentes causantes da progresiva morte destas árbores, relata Vázquez Ruiz de Ocenda. Alén destas pescudas, os investigadores Tomás Cuesta e Jorge Dafonte realizaron outros traballos máis ligados aos ámbitos hidrolóxico e hidromorfolóxico , posto que a caída de amieiros tamén ten incidencia directa nas masas de auga e pode alterar o seu estado ecolóxico, así como a diversidade intraespecífica e interespecífica.
As actuacións programadas no marco deste convenio son importantes para a CHMS, en tanto que permitirán avaliar a situación actual da enfermidade dos amieiros, prever o seu avance e avanzar no deseño e articulación de medidas de xestión, conservación e rexeneración da cuberta vexetal, a fin de frear a progresiva perda de bosque de ribeira, sinalou o presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga, quen precisou que as situacións máis críticas son as advertidas nas comarcas de Terra Cha e de Arnoia.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o comisario de Augas adxunto, Alberto de Anta Montero, tamén participaron, xunto con algúns dos investigadores implicados, na presentación deste novo proxecto de colaboración entre a CHMS e a USC. “Un proxecto importante que seguro que contribúe a esclarecer as causas e as circunstancias que provocan unha enfermidade que xa está xeneralizada nos bosques de ribeira”, dixo De Anta Moreno.
De esquerda a dereita, Valcárcel, López, Quiroga e De Anta, na presentción do convenio na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo