Ir o contido principal

Investigadores da Escola Politécnica identifican 147 xenotipos diferentes de cultivares de pereira en Galicia

A caracterización xenética, fenolóxica e morfolóxica desenvolvida detectou un 43% de clonalidade entre as accesións de pereira do Banco de Xermoplasma do CIAM

Un estudo sobre as variedades de cultivares de pereira existentes en Galicia desenvolvido por investigadores da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo en colaboración con persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) permitiu a identificación de 147 xenotipos diferentes, unha cifra sensiblemente inferior ás 221 accesións de pereiras que se conservan no Banco de Xermoplasma do CIAM, dependente da Xunta de Galicia. As conclusión e achegas aportadas por esta investigación, liderada polo catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC Santiago Pereira Lorenzo, están recollidas no volume ‘ Caracterización dos cultivares de pereira do Banco de Xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo’, un traballo que vén de ser publicado pola Xunta de Galicia e do que, xunto co profesor Pereira Lorenzo, tamén son coautores, Allivia Rouse Carregosa Rabbani, Ana María Ramos Cabrer e María Belén Díaz Hernández, que tamén é profesora na Escola Politécnica Superior . Os estudos de caracterización xenética, un traballo no que tamén colaboraron investigadores e persoal do Laboratorio de Xenética da Facultade de Veterinaria de Lugo, así como os traballos de caracterización morfolóxica e de fenoloxía das variedades de pereira, desenvolvéronse entre os anos 1999 e 2010 ao abeiro de distintos proxectos de investigación que contaron con financiamento por parte da Xunta de Galicia, así como do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación ou da propia Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, que concedeu unha bolsa MAEC-AECID dende o ano 2008-2011 para a realización da tese de doutoramento de Allivia Rouse Ferreira dos Santos. Para a caracterización xenética os xenotipos obxecto de estudo foron comparados con 20 variedades comerciais de referencia mediante 19 microsatélites. Estes traballos permitiron identificr un total de 147 xenotipos, 127 correspondentes á colección acubillada no Banco de Xermoplasma do CIAM e 20 ás variedades comerciais de referencia (algunhas aportadas pola investigadora Felicidad Fernández, do Horticulture Research International, e outras por Antonio Javier González, do Cabido da Palma). Unha das conclusións deste dilatado traballo de investigación é a que atinxe á detección dun número importante de variedades repetidas, o que significa o 43% de clonalidade no Banco de Xermoplasma, no que si que se puido probar a existencia de 115 accesións de pereira de xenética diferente. Destas, cómpre destacar as accesións das castes Urraca, Donguindo ou Verdilarga, variedades cun fondo arraigo en Galicia e que se conservan no Banco de Xermoplasma do CIAM. O catedrático da USC Santiago Pereira Lorenzo salienta asemade que a caracterización precisa mediante microsatélites e a elaboración de fichas varietais detalladas poden servir nos vindeiros anos de referencia para a racionalización dos recursos xenéticos de pereira en España. Respecto da procedencia última das castes de pereiras existentes en Galicia, o profesor Pereira Lorenzo sinala que este estudo non se centra na orixe das distintas variedades identificadas. Aínda así, este investigador apunta que parte das variedades de pereira analizadas neste estudo poderían proceder de países centroeuropeos, ao tempo que indica que a súa chegada a Galicia podería estar ligada coa dos monxes beneditinos, que introduciron non pouco tecnoloxía agraria en Galicia, dixo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2013.