Ir o contido principal

Investigadores de toda España reflexionarán na USC sobre a crise dos dereitos sociais

A xornada ‘Os dereitos sociais na crise. A crise dos dereitos sociais’ celebrarase na Facultade de Dereito da USC este xoves 10 e o venres 11 organizada por Armela, Rede de Investigación en igualdade, dereitos e estado social, cuxa creación foi impulsada dende a USC e que está integrada por investigadores/as pertencentes a diversas universidades, institucións e organizacións sociais. O programa destes dous días estará organizado en cinco mesas nas que se debaterá sobre a privatización dos servizos públicos, os límites constitucionais ao recortes, dereitos sociais e activismo xudicial, a incidencia da crise nas políticas de xénero e os cambios competenciais e na configuración de dereitos coa crise como motor. Armela é unha rede de investigadores que ten como finalidade desenvolver conxuntamente e dende unha perspectiva multidisciplinar unha liña de investigación en relación aos dereitos, a igualdade e o Estado Social no contexto actual de crise económica e de forte contracción da intervención pública. Ademais, os seus obxectivos apuntan á divulgación social dos resultados das investigacións levadas a cabo no marco desta rede e á promoción da sensibilización social e dun pensamento crítico sobre as problemáticas vinculadas á garantía dos dereitos sociais e o principio de igualdade no contexto actual. A profesora da USC Alba Nogueira inaugurará o programa ás 9.30 horas na Facultade de Dereito, a quen seguirán Gerardo Pisarello, da Universidade de Barcelona, coa conferencia ‘A crise do constitucionalismo social e as súas alternativas: resistencia, reforma e ruptura constituinte’ e Xavier Vence, da USC, coa intervención ‘Radicalización neoliberal e crise do modelo social europeo’. Deseguido, a partir das 12.00 horas, comezará a primeira mesa redonda do encontro, dedicada á privatización dos servizos públicos e na que intervirán investigadores das universidades de Alacante, Coruña e Santiago así como de SOS Sanidade Pública. Xa pola tarde, dende as 16.00 horas, será a quenda dos debates arredor dos límites constitucionais aos recortes e sobre a relacións entre dereitos sociais e activismo xudicial. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web de Armela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2013.