Investigadores españois tratan no Campus Terra da USC a xestión hídrica e agronómica do cultivo de variedades brancas de vide
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, inaugurará este martes, ás 18.15 horas, no edificio Cactus, a primeira reunión anual de coordinación do proxecto ‘Xestión hídrica e agronómica do cultivo de variedades brancas de vide para mellorar a súa competencia e a sustentabilidade produtiva, cualitativa e medioambiental’, no que participan entidades e investigadores de Castela León (Itacyl), Estremadura (Intaex), Castela a Mancha (Fundescam), A Rioxa (ICVV-CSIC) e Galicia, a través da Misión Biolóxica de Galicia, coa que colabora o equipo de Fertirriego e Necesidades Hídricas dos Cultivos, do grupo Proxectos e Planificación (Propla) da Escola Politécnica Superior da USC.
Esta sesión de traballo, que citará preto de 20 investigadores españois no Campus Terra da USC ata o xoves, servirá para intercambiar datos, avaliar os primeiros resultados obtidos logo das pescudas xa realizadas e para definir novos pasos de investigación, segundo indicou Javier J. Cancela, investigador e profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo que participa neste proxecto.