Ir o contido principal

Investigadores de Europa e América participarán nun congreso internacional sobre calorimetría no Campus de Lugo

Será do 31 de maio ao 3 de xuño na Escola Politécnica Superior

Investigadores de todo o mundo interesados no desenvolvemento e a aplicación da calorimetría, que se encarga de medir a calor dunha reacción química ou un cambio físico, asistirán á décimo sexta edición do Congreso da International Society for Biological Calorimetry (ISBC) que se desenvolverá no Campus de Lugo dende o luns 31 de maio ata o 3 de xuño.
A ISBC é unha organización sen ánimo de lucro involucrada na investigación das técnicas calorimétricas para o estudo dos seres vivos e que cada dous anos organiza congresos sobre este tema en distintas universidades do mundo co obxectivo de que sirvan de foro de encontro, debate e intercambio de experiencias e coñecementos relacionados coa aplicación da calorimetría e as técnicas de análises térmicos.
O encontro que se desenvolverá en Lugo, coordinado pola profesora do Departamento de Física Aplicada Nieves Barros, inaugurarano o luns día 31 ás 10:00 horas na Aula Magna da EPS a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Marta Miranda; o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno; e o alcalde do Concello de Lugo, José López Orozco.
Nove investigadores de diferentes universidades de Estados Unidos, Arxentina, Inglaterra, Alemaña, Polonia, Italia e Suecia impartirán os principais relatorios do congreso, que se dividirá en cinco bloques para tratar sobre biomacromoléculas, comida e farmacéutica; células, microorganismos e saúde; plantas e animais; instrumentación e biotecnoloxía; e ecosistemas e sostenibilidade.
Recoñecemento a Edwin BattleyO xoves 3 de xuño ás 10:00 horas comezará o acto de clausura deste congreso internacional no que se fará entrega do premio ‘Lavoisier’, un galardón que a ISBC entrega en cada conferencia a unha persoa ou institución como recoñecemento á súa contribución a prol do desenvolvemento da biocalorimetría.
Este ano o premio recae en Edwin Battley, profesor emérito do Departamento de Ecoloxía e Evolución da Universidade Stony Brook de Nova York, polas súas importantes achegas nos estudos da calorimetría e a termodinámica do metabolismo microbiano e celular.
No acto de entrega deste premio, que presentará o docente e investigador da Universidade Libre de Berlín Ingolf Lamprecht, poderase escoitar a conferencia gravada polo premiado para a ocasión ao non poder viaxar a Lugo por recomendación médica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2010.