Investigadores europeos e africanos avanzan en Santiago nun método de desinfección solar da auga de bebida

Investigadores de sete países europeos e africanos reúnense este xoves no Instituto de Acuicultura (Campus Sur) para poñer en común os resultados dun proxecto financiado pola UE que investiga a eficacia do método de desinfección solar da auga de bebida na inactivación dun amplo rango de patóxenos causantes de enfermidades diarreicas tanto no ámbito doméstico como en situacións de emerxencia causadas tras un desastre natural ou pola acción do home.
O equipo de investigación, creado a raíz do proxecto ‘Solar Disinfection of Drinking Water for use in Developing Countries or ir Emergency Situations’ (SODISWATER), ten como investigadores principais a Elvira Ares Mazás, da USC; Kevin McGuigan, do Royal College of Surgeons in Ireland (Irlanda); J. Anthony Byrne, da Universidade do Ulster (Reino Unido); Martella Du Preez, do Council for Science and Industrial Research de Sudáfrica; Hans Joachim Mosler, do Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology (Suíza); Bongi Moyo, do Institute of Water and Sanitation Development de Zimbabwe; Pilar Fernández Ibáñez, da Plataforma Solar de Almería-Centro de Investigacións Enerxéticas Medioambientais e Tecnolóxicas; e Michael Elmore Meegan, da International Community for Relief of Suffering and Starvation de Kenia.
Os expertos dos diversos países están traballando en numerosas investigacións experimentais así como nunha serie de estudos de impacto sobre a saúde en Sudáfrica, Kenia e Zimbabwe. Ademais están desenvolvendo varias tecnoloxías que permitan aumentar a eficacia e automatización do proceso de desinfección da auga de bebida baseado na radiación solar.
Investigadores da USCO grupo de investigación da USC que dirixe a profesora Elvira Ares Mazás achega nesta xuntanza a súa experiencia no estudo do protozoo parasito humano e animal Cryptosporidium. Este patóxeno, transmitido fundamentalmente a través da auga, mostra unha considerable resistencia ás condicións ambientais e aos desinfectantes habitualmente empregados na potabilización da auga e, por tanto, está a ser utilizado como modelo para avaliar a eficacia dos procedementos de desinfección solar.
A reunión deste xoves ten previsto analizar os progresos e resultados obtidos e establecer as estratexias a seguir nos vindeiros seis meses.