Investigadores europeos estudan en Filoloxía o eufemismo na prensa

A área de Filoloxía Francesa organiza este venres 20 na Facultade a xornada de estudo internacional ‘ Enjeux polyphoniques et dialogiques de l’euphémisme dans la presse écrite et numérique actuelle, que reunirá investigadores da USC e de varios países europeos.
O eufemismo aparece nos discursos como parte da doxa vixente, escapando incluso ás veces ao control do locutor, e tamén como transmisión de voces ou puntos de vista dos que este se pode facer cargo ou non.
Por iso os eufemismos que circulan se lle poden ocorrer ao locutor case sen se decatar, empregando os que xa foron utilizados por outros. Non obstante, o locutor tamén pode decidir mobilizar unha enunciación eufemística segundo as súas propias intencións comunicativas.
“Cando dicimos, por exemplo, optimización do traballo en lugar de “degradación” das condicións ou mesmo “supresión” de postos, por unha parte facemos eco da vox populi, dunha cimentación memorial que contribúe a darlle sentido á expresión, sexamos conscientes ou non de emitir ou percibir un eufemismo. Pero por outra banda, tamén é posible empregar esa terminoloxía subinformativa como discurso alleo, que se pode reproducir ou ben cuestionar”, explica Montserrat López, unha das organizadoras.