Ir o contido principal

Investigadores da Facultade de Veterinaria desenvolven o primeiro estudo de carácter clínico do coello como mascota

De esquerda a dereita, José Luis Benedito Castellote, Cristina Castillo, José Miguel Chapel e Mario Cipone
De esquerda a dereita, José Luis Benedito Castellote, Cristina Castillo, José Miguel Chapel e Mario Cipone

A tese de doutoramento ‘Manexo e exploración do coello (oryctolagus cuniculus) como mascota’, unha investigación dirixida polos profesores da USC José Luis Benedito e Cristina Castillo, así como por Mario Cipone, da Universidade de Boloña, que vén de presentar José Miguel Chapel na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, constitúe o primeiro estudo de carácter clínico que se fai sobre o coello como mascota.

O crecente uso do coello como animal de compañía tanto no plano nacional como internacional, e a escasa información de que dispoñen na actualidade tanto os seus propietarios como os veterinarios clínicos especializados en pequenos animais, respecto do manexo, alimentación e técnicas exploratorias, tales como a alectrocardiografía ou a escografía, reforzan a pertinencia desta investigación, na que o seu autor advirte de que o coello presenta singularidades respecto doutras mascotas, xa que se trata unha especie moi asustadiza, á que non se poden extrapolar os métodos aplicados tradicionalmente a outros animais como canso u gatos.

A investigación desenvolvida por José Miguel Chapel, de marcado carácter clínico, pretende pretende dar resposta ás lagoas existentes neste senso, a fin de servir como manual de consulta ou referencia para propietarios e veterinarios, aos que a bibliografía a fontes bibliográficas existentes até o momento, na súa maioría procedentes de experimentacións con outros animais, non sempre resultan útiles. Nas pescudas realizadas ao abeiro da súa investigación de doutoramento, Chapel traballou con preto de medio centenar de coellos de diversas razas. Aínda así, cómpre salientar que as razas de coello que se máis se empregan como mascotas son as de pequeno tamaño (cruce de coellos ananos e a raza Bellier, Angora u Holandés anano).

As causas da elección deste animal como mascota radican na comodidade que ofrecen fronte a outras máis esixentes, como cans ou gatos. De feito, na actualidade os coellos supoñen as terceira poboación máis numerosa de mascotas que van ás consultas veterinarias, onde os propios facultativos botan en falta información específica relativa a técnicas de manexo e control acaídas para a práctica das diferentes técnicas exploratorias, xa que varían en función do sistema ou órgano a examinar.

Unha vez constatadas as necesidades advertidas por propietarios e veterinarios a través dunha enquisa realizada en España, o novo doutor indagou na súa tese sobre as enfermidades máis frecuentes que afectan aos coellos, a fin de valorar o plan biosanitario a seguir en futuros estudos. Daquela, na investigación faise constar que enfermidades intestinais e dentais, así como outras doenzas parasitarias, dermatolóxicas o cardiorrespiratorias son consecuencia en non poucas ocasións do descoñecemento do propietario respecto das necesidades da especie (ambiente, dieta, desparasitacións, coidados básicos...) que ten como mascota.

Chapel achega información de utilidade ao respecto. Así, a investigación presenta unha caracterización das diferentes técnicas de manexo, de parámetros bioquímicos de interese clínico, ademais dunha avaliación das diferentes fontes nutricionais, na que se valora a incorporación á dieta dos coellos da planta marina Posidonia oceánica en substitución do heno. Esta tese de doutoramento recolle asemade o perfil electrocardiográfico dependendo da idade, sexo e posición, ao tempo que tamén realiza caracterización ecográfica completa do tracto gastrointestinal.

Tribunal de tese e cualificación
O director do hospital clínico veterinario da Universidade de Murcia, Cándido Gutiérrez Panizo, presidiu o tribunal encargado e avaliar a tese, no que tamén participaron o doutor Famigli, da Universidade de Boloña, e o profesor do Departamento de Medicina e Ciruxía Animal da USC na Facultade de Veterinaria, Joaquín Hernández. Os integrantes do xurado acordaron por unanimidade cualificar a tese de José Miguel Chapel con sobresaínte cum laude.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.12.2016.