Ir o contido principal

Investigadores do ICE realizaron un estudo para Política Lingüística sobre a competencia do alumnado de 4º da ESO en castelán e galego

Un estudo realizado polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC conclúe uns resultados moi semellantes nas capacidades orais e escritas das dúas linguas oficiais de Galicia. A investigación A Avaliación da competencia do alumnado de 4.º da ESO nos idiomas castelán e galego presentárona hoxe o director do ICE, José Cajide, o profesor da USC e coordinador da investigación, Bieito Silva, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.
O traballo, enmarcado no convenio de colaboración asinado en xuño de 2009 polo ICE e a Secretaría Xeral, ten como finalidade medir as competencias na expresión oral e escrita do alumnado da ESO en lingua galega e en lingua castelá, dun xeito comparativo, tendo en conta a súa relación con variables sociolingüísticas, socioeconómicas e pedagóxicas.
As principais conclusións do estudo indican que a competencia oral é mellor que a escrita nas dúas linguas. Ademais, apréciase bastante homoxeneidade nas dúas linguas entre todas as subcompetencias, tanto na expresión oral coma na escrita. En todo caso, as máis relacionadas co código sitúanse no galego na banda máis baixa, mentres que no castelán son das máis altas.
A media da competencia oral en galego sitúase entre “aceptable” e “bastante satisfactoria”, mentres que a expresión escrita nesta lingua se atopa lixeiramente por baixo do punto intermedio da escala. En castelán, a media da competencia en expresión escrita atópase moi lixeiramente por riba do punto intermedio da escala e na oral sitúase, coma no caso do galego, entre “aceptable” e “bastante satisfactoria”. O estudo conclúe tamén que a competencia gramatical e léxica supera o límite “aceptable” nas dúas linguas, especialmente en castelán.
Os investigadores sinalan factores moi diversos que inciden na adquisición de competencia nas dúas linguas. A variable que parece ser determinante é o nivel socioprofesional dos pais dos estudantes, especialmente os da lingua escrita, sempre mellores canto máis alto é ese nivel, tanto en galego coma en castelán.
Respecto da interrogante que incide na comparación global entre as competencias oral e escrita nos dous idiomas, o estudo salienta que hai unha alta correlación entre os resultados en galego e en castelán, especialmente nos indicadores máis relacionados con capacidades comunicativas (desenvolvemento temático, adecuación e coherencia) e menos ligados ao código (gramática, ortografía, léxico...). Polo tanto, as diferenzas entre galego e castelán son maiores no dominio da lingua escrita ca na oralidade.
Tamén se desprende da investigación que o alumnado galegofalante presenta resultados máis homoxéneos en expresión en galego e castelán que o alumnado castelanfalante, que ten mellores resultados en castelán e peores en galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2010.