Ir o contido principal

Investigadores do ILG coordinan un estudo sobre o abandono do uso escrito formal do idioma galego entre os séculos XV e XVI

Os profesores de Filoloxía Galega Ramón Mariño Paz e Xavier Varela son os editores do libro A lingua galega no solpor medieval, incluído na serie Ensaio & Investigación do Consello da Cultura Galega (CCG). A obra aborda a cuestión do abandono do uso escrito formal do idioma galego entre os séculos XV e XVI e achégase tamén a algúns dos procesos de cambio nos que estaba inmersa esta lingua naquela época.

O libro presentárono nun acto público este xoves 2 na Biblioteca do Consello da Cultura Galega a vicepresidente do CCG, Rosario Álvarez; o secretario do Instituto da Lingua Galega, Francisco Dubert; e o editor do libro, Xavier Varela. Como explicaron os seus autores, o libro “é o reverso” do que no ano 2007 se publicou co título de Na nosa lyngoagen galega. A emerxencia do galego como lingua escrita da Idade Media. Nesta ocasión o novo volume aborda os procesos históricos relacionados co xurdimento e abandono do galego como lingua para a escrita formal.

Da contextualización do marco histórico en que transcorre o relato deste libro encargouse o profesor da UNED en Ourense Anselmo López Carreira, mentres que Juan M. Carrasco González, da Universidade de Estremadura, e Xulio Viejo Fernández, da Universidade de Oviedo, encargáronse do acontecido co portugués e o asturiano. Do tratamento dalgunhas cuestións relativas ao abandono do uso escrito e formal do galego e das súas mudanzas en marcha no solpor medieval ocupáronse persoal investigador da USC (Xavier Varela Barreiro, Ricardo Pichel Gotérrez, Ramón Mariño Paz, Lucia Doval Iglesias e Gonzalo Hermo González) e da Coruña (Xosé Manuel Sánchez Rei).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2017.