Investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías traballan activamente nos experimentos do acelerador do CERN
Investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías participan na colaboración internacional ALICE que acaba de rexistrar os primeiros datos sobre as colisións realizadas no grande acelerador europeo de Xenebra (LHC). Entre estes investigadores atópanse Néstor Armesto, Elena Ferreiro, Carlos Pajares e Carlos Salgado.
Este rexistro inicial, publicado na revista científica European Physical Journal, mostra o número medio de partículas producidas, así como a súa distribución por velocidades. Nas medicións inclúense tamén o número medio de partículas á máxima enerxía alcanzada ata agora por ningún acelerador. Trátase segundo os investigadores de resultados de acordo coas predicións teóricas.
O detector ALICE está especialmente deseñado para intentar reproducir aspectos do denominado Big-Bang da orixe do Universo e tratar de comprender como se formou a materia ordinaria e as forzas existentes dentro dos constituíntes últimos da materia. Ademais está capacitado para investigar colisións entre protóns e entre núcleos como o chumbo.
Detector LHCbOutro grupo do citado Instituto participa tamén no CERN na operación do detector LHCb, un dos catro instalados no túnel do Gran Colisionador de Hadróns (LHC), e que xa ten rexistrado satisfactoriamente os primeiros sinais de colisións entre os feixes de protóns. Unha das partes máis delicadas do experimento LHCb é o Inner Tracker (IT), constituínte á súa vez do Silicon Tracker, sendo o resultado de máis de dez anos de traballo do grupo de Física de Altas Enerxías compostelán que coordina o profesor Bernardo Adeva.
Os estudos vinculados ao experimento LHCb poden axudar a comprender a orixe do universo primitivo, “onde se deron unhas condicións similares ás que agora comezamos a reproducir nas instalacións do CERN”, apunta Bernardo Adeva.