Investigadores do Laboratorio de Referencia da USC estudan o aumento das resistencias de cepas E. coli aos antibióticos

O director do Laboratorio de Referencia E. coli da USC (LREC), Jorge Blanco advirte que se non se toman as medidas oportunas a medio ou curto prazo, se podería entrar “nunha era pos-antibiótica sen retorno, na que non disporíamos de ningún antibiótico útil para moitas das infeccións máis importantes”. O investigador fai esta afirmación apelando aos datos recollidos no informe ‘ National survey of Escherichia coli causing extraintestinal infections reveals the spread of drug-resistant clonal groups O25b:H4-B2-ST131, O15:H1-D-ST393 and CGA-D-ST69 with high virulence gene content in Spain’. Segundo este estudo que lideran os investigadores do LREC existe unha importante clonalidade entre as cepas de E. coli multirresistentes aos antibióticos causantes de infeccións urinarias (ITU) e outros tipos de infeccións extraintestinais que abre a posibilidade de desenvolvemento de vacinas. Publicado na prestixiosa revista internacional Journal of Antimicrobial Chemotherapy, este é o segundo estudo en todo o mundo e o primeiro europeo no que se investigan tres clons asociados coa resistencia a antibióticos de distribución mundial, concretamente (O25b:H4-B2-ST131, O15:H1-D-ST393 y CGA-D-ST69). No desenvolvemento do estudo colaboran cos investigadores da USC os servizos de Microbioloxía Clínica de cinco importantes hospitais como son o Lucus Augusti de Lugo, Vall d’Hebrón de Barcelona, Marqués de Valdecilla de Santander, 12 de Octubre de Madrid e o Virgen Macarena de Sevilla. Todos eles están integrados na Rede Española de Investigación en Patoloxía Infecciosa (REIPI) do Fondo de Investigación Sanitaria do Instituto de Saúde Carlos III. As investigación desenvolvidas permitiron constatar que polo menos unha de cada dez infeccións extraintestinais (ITU e sepsis) producidas por E. coli en seres humanos en España está causada por cepas do clon O25b:H4 -ST131 con diferentes patotipos, resistentes á ciprofloxacina. Ademais, os investigadores identificaron unha nova variante do clon con 13 xenes de virulencia e resistencia ao cotrimoxazol. Segundo explica o director do LREC Jorge Blanco, a expansión tan espectacular do clon O25b:H4-ST131 poderíase explicar polo alto potencial de virulencia das cepas, a multirresistencia, a capacidade de colonizar o epitelio intestinal de persoas e a súa gran diversidade xenética que lle permite burlar os mecanismos de defensa do hóspede. O doutor Blanco considera que “é evidente que cos antibióticos unicamente a batalla está perdida curto e medio prazo, xa que están emerxendo en paralelo outros novos clons multirresistentes e con gran cantidade de xenes de virulencia”. Neste senso, o investigador apunta que o desenvolvemento de vacinas eficaces contra estes clons emerxentes e multirresistentes aos antibióticos pode alongar a súa vida de utilización. (http://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0924857910004358) Os datos manexados polo LREC da USC indican tamén que o grupo clonal O25b:H4- ST131 se está expandindo tamén de forma espectacular en aves, polo que os investigadores avogan por desenvolver unha vacina contra as colibaciloses aviares que ademais de evitar as altas taxas de mortalidade en aves permitiría reducir o reservorio de cepas de E. coli resistentes aos antibióticos patóxenos para seres humanos. (http://aem.asm.org/cgi/content/full/76/21/6991?view=long&pmid=20817805) O E. coli nas infeccións urinarias E. coli é responsable de practicamente o 80 por cento das infeccións urinarias, responsable a súa vez de millóns de consultas médicas cada ano coa súa conseguinte incidencia económica. Os investigadores do LREC indican neste senso que se calcula que preto do 40 por cento das mulleres experimentarán polo menos unha infección urinaria sintomática durante a súa vida. Neste contexto, o aumento de cepas multirresistentes aos antibióticos a quinolonas fluoradas e cotrimoxazol, que se empregan na terapia oral de infeccións do tracto urinario, supón un risco real de fracaso do tratamento. Ademais, engaden os investigadores, o aumento da prevalencia de cepas produtoras de beta-lactamasas de espectro extendido “limita o uso de múltiples grupos de antimicrobianos, aumentando as posibilidades de fracaso terapéutico e a taxa de mortalidade”. Uso prudente dos antibióticos Para evitar a emerxencia e frear a expansión dos clons con resistencias aos antibióticos “é necesario fomentar o uso prudente dos antibióticos”, subliña Jorge Blanco. Algunhas recomendacións de utilidade para conseguilo atinxen a profesionais e usuarios como evitar a súa utilización en infeccións que poden curar sen a súa administración, dispensalos unicamente con prescrición facultativa, dispoñer dun diagnóstico adecuado con suficiente apoio de laboratorio, elaborar protocolos adecuados de tratamento empírico, facer un uso más racional en medicina veterinaria evitando a súa utilización como promotores do crecemento dos animais lo que reducirá o reservorio animal e a súa chegada aos seres humanos a través da cadea alimentaria.
Completando estas medidas, para Jorge Blanco os organismos públicos de I+D “deben estimular a industria farmacéutica para que desenvolva novos antimicrobianos e vacinas, e financiar a investigación básica e aplicada”.