Investigadores de Odontoloxía identifican o papel dos exosomas na xénese do cancro oral
Investigadores de Odontoloxía acaban de definir unha nova liña de traballo na loita contra o cancro oral, o sexto carcinoma diagnosticado máis común no mundo e que en 2012 foi causa de 145.000 mortes. O grupo de investigación coordinado polo profesor Abel García García, en colaboración co IDIS e o grupo do profesor Stefano Fais do Instituto Nacional Superior de Sanidade de Roma, identificaron o papel determinante dos exosomas na xénese dun cancro oral. Os exosomas son unhas diminutas vesículas liberadas no entorno extracelular e encargadas da transmisión do material xenético das células tumorais.
Integrado ademais polo alumno de doutoramento Samuel Rodríguez Zorrilla e os seus directores os profesores Mario Pérez-Sayáns García e Mercedes Gallas Torreira, o equipo de investigación acaba de publicar na revista Cancers un ensaio clínico aprobado en humanos, un dos poucos destas características a nivel mundial, que constata a existencia dunha correlación inversa entre os niveis de exosomas previos e posteriores á cirurxía. Concretamente, o equipo investigador observou que o tratamento cirúrxico induciu unha redución dramática dos niveis plasmáticos destas diminutas vesículas que expresan CD63, o que diminúe o risco de transmisión de material xenético a distancia e, consecuentemente, de metástase. Neste senso, estes primeiros resultados “suxiren que a masa tumoral é responsable dos altos niveis de exosomas circulantes detectados en pacientes con cancro”, aclara o traballo.
A importancia dos niveis de exosomas neste tipo de pacientes é un dato relevante xa que a análise estatística mostrou que os niveis máis baixos de exosomas plasmáticos, tanto antes como despois da cirurxía, se correlaciona cunha mellor esperanza de vida dos pacientes con carcinoma oral de células escamosas.
Exosomas
Os exosomas son nanovesículas de 50 a 150 nanómetros de diámetro detectables en fluídos corporais como o plasma, saliva, líquido cefalorraquídeo ou ascite, pero tamén en ouriños e feces. Moitas células normais liberan exosomas que demostran ter un papel activo nas actividades reguladoras do corpo humano. Non obstante, como lembra este equipo de investigación de Odontoloxía, as células tumorais tamén as liberan activamente.
Como aclaran os investigadores á vista da literatura científica sobre o tema, “os exosomas liberados polas células tumorais poden representar unha forma para que os cancros eliminen material non desexado ou simplemente o seu refugallo”. Así, aínda que teñen definitivamente un papel clave na comunicación de célula a célula ou de órgano a órgano, “poden ter un papel completamente diferente tanto na progresión do cancro como na metástase” e de feito “as células tumorais secretan grandes cantidades de exosomas que promoven a progresión tumoral”.