Investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal de Galicia analizan este venres na USC a súa situación profesional
O significado, a utilidade e o procedemento da inserción profesional de investigadores novos nas universidades e no sistema público de I+D+i de Galicia será analizado este venres, día 16, nas I Xornadas dos Investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal de Galicia que terán lugar no Centro de Estudos Avanzados da USC (Rua Salvadas s/n. Parque de Vista Alegre). Na inauguración, que terá lugar ás 9:00 horas, participará o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; o reitor compostelán, Senén Barro; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director do Instituto de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo Álvarez; e o vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC, José Manuel Fernández de Labastida.
Os programas Parga Pondal e Ramón y Cajal reúnen un amplo espectro de investigadores cunha gran experiencia posdoutoral acreditada, que desempeñan a súa labor en centros do CSIC, hospitais e as tres universidades galegas. Dado que actualmente as sociedades máis desenvolvidas se propoñen como obxectivo prioritario acadar as cotas máis altas de coñecemento posibles, os organizadores pretenden concienciar da importancia de ter un sistema de I+D+i “forte e ambicioso” á vez que de discutir e propor solucións aos obstáculos que “podan impedir o noso desenvolvemento”.
Logo do acto de apertura, a partir das 11:00 horas desenvolverase un coloquio sobre as perspectivas profesionais dos investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal en Galicia no que, moderado polo director do CEA, Félix Vidal, participarán numerosas autoridades tanto políticas coma académicas. Así, intervirán os directores xerais de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Salustiano Mato e Rogelio Conde-Pumpido; os vicerreitores de Investigación das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, María José Alonso, Concepción Herrero e Manuel Reigosa; e a de Profesorado e Organización Académica da USC, María Dolores Domínguez.
Participarán ademais nesta mesa de debate os catedráticos Ángel Carracedo e José Manuel Fernández de Labastida, así como o presidente da Asociación de Investigadores Parga Pondal (AIPP), Álvaro Gil, e o vicepresidente da Asociación Nacional de Investigadores Ramón y Cajal (ANIRC), Mark van Raaij.
O foro pretende ser ao mesmo tempo un espazo de encontro onde mostrar as actuais liñas de investigación dos participantes co obxecto de difundir a súa labor tanto a outros investigadores, que poden atopar aquí futuros colaboradores, coma ao resto da sociedade. Para iso desenvolveranse diversas sesións de comunicacións tanto pola mañá coma pola tarde. Xa ás 17:00 horas terán lugar sendas asembleas das asociacións de investigadores.
O encontro clausurarase ás 19:00 horas nun acto presidido polo director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, Rogelio Conde-Pumpido.