Investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal de Galicia analizan este venres na USC a súa situación profesional
O significado, a utilidade e o procedemento da inserción profesional de investigadores novos nas universidades e no sistema público de I+D+i de Galicia será analizado nas I Xornadas dos Investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal de Galicia que terán lugar este venres, día 16, no Centro de Estudos Avanzados da USC.
Estes programas reúnen a un amplo espectro de investigadores cunha gran experiencia posdoutoral acreditada, que desempeñan a súa labor en centros do CSIC, hospitais e as tres universidades galegas. Dado que actualmente as sociedades máis desenvolvidas se propoñen como obxectivo prioritario acadar as cotas máis altas de coñecemento posibles, os organizadores pretenden concienciar da importancia de ter un sistema de I+D+i “forte e ambicioso” á vez que de discutir e propor solucións aos obstáculos que “podan impedir o noso desenvolvemento”.
O foro pretende ser ao mesmo tempo un espazo de encontro onde mostrar as actuais liñas de investigación dos participantes co obxecto de difundir a súa labor tanto a outros investigadores, que poden atopar aquí futuros colaboradores, coma ao resto da sociedade.
Na xornada terá lugar un coloquio sobre as perspectivas profesionais dos investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal en Galicia, que se desenvolverá ao longo de toda a mañá e no que participarán numerosas autoridades tanto políticas coma académicas. Así, intervirán os directores xerais de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia (SUG); os vicerrectores de Investigación e de Organización Académica e Profesorado das tres Universidades galegas; os catedráticos Ángel Carracedo e José Manuel Fernández de Labastida; así como representantes da Asociación de Investigadores Parga Pondal (AIPP) e da Asociación Nacional de Investigadores Ramón y Cajal (ANIRC).