Ir o contido principal

Investigadores da Politécnica estudan as construcións tradicionais da parroquia luguesa de Orbazai

A Asociación de Veciños de Orbazai presentará este sábado o documento elaborado polo grupo Uscan3D e que inclúe documentación de planimetría e fotogrametría

O grupo de investigación Uscan3D da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo vén de rematar un estudo sobre as construcións tradicionais na parroquia luguesa de Orbazai, un traballo elaborado durante os últimos meses por encarga da asociación de veciños desta parroquia do concello de Lugo, que celebrará o sábado 8 de xuño, a partir das 17.00 horas, no centro sociocultural de Orbazai, un acto de presentación pública de toda a documentación e información compilada neste estudo sobre as edificacións tradicionais que conserva a parroquia.

O coordinador deste traballo, o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Ortiz, e a investigadora Cristina Losada Martínez, que é unha das autores deste estudo, no que tamén participaron Alberto Guimarey Duarte, Mariluz Gil Docampo, Martín Souto Vidal, Santiago Martínez Rodríguez, Teresa Rego Sanmartín, ademais de Eva de la Torre Conde, explicarán aos veciños de Orbazai algunhas das singularidades apreciadas nesta investigación. O profesor Juan Ortiz sinalou neste senso que a investigación desenvolvida e plasmada nun documento de cen páxinas, dá boa mostra dos múltiples elementos característicos da arquitectura rural que aínda se conservan na parroquia de Orbazai. Ortiz indicou que as edificacións tradicionais que conserva esta parroquia luguesa non presentan excesivas singularidades respecto doutras construcións existentes na comarca. “Resulta sorprendente comprobar como en localizacións tan próximas aos núcleos urbanos se conservan tantos elementos de marcado carácter rural que levan a pensar que estás nun lugar moito máis afastado”, comenta o coordinador deste estudo, encargado polos veciños de Orbazai e que contou con financiamento da Deputación de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2013.