Ir o contido principal

Investigadores da Politécnica participan no primeiro workshop sobre investigación en dirección de proxectos

A sesión comezará ás 9.30 horas na sala de xuntas da EPS e desenvolverase de xeito simultáneo nas universidades de Oviedo, País Vasco e La Rioja

O Grupo de Investigación 1716 Proxectos e Planificación do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) participa este xoves, día 24 de xullo de 2014. no primeiro Workshop sobre Investigación en Dirección de Proxectos, organizado conxuntamente polas Universidades de Oviedo, País Vasco, La Rioja e a USC.

Esta primeira edición do Workshop sobre Investigación en Dirección de Proxectos desenvolverase de xeito simultáneo, a partir das 9.00 horas, nas tres universidades organizadores a través de vídeo conferencia. A sesión, que contará coa participación de tres profesores na Escola Politécnica Superior de Lugo e investigadores io Grupo Proepla do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, poderá seguirse durante toda a xornada na sala de xuntas da EPS. Asemade, en quenda de tarde, a partir das 16.00 horas, tres dos estudantes que cursaron a pasada edición do máster en Dirección de Proxectos da USC procederán á presentación dos seus respectivos traballos finais. As achegas feitas por estes novos investigadores, así como as conclusións do citado Workshop serán incluídas nunha publicación de carácter internacional. A dirección de proxectos é a aplicación do coñecemento, das habilidades, e das técnicas para executar os proxectos en forma eficiente e efectiva. A dirección de proxectos xurdiu na Antigüidade, vinculada a grandes obras de infraestrutura e construción de carácter civil, relixioso ou defensivo. Dende un punto de vista moderno, a súa orixe pode considerarse a comezos da década dos 60 en EEUU, Europa Occidental e Xapón, como instrumento fundamental para a organización, manexo e control de grandes proxectos industriais e construtivos. Na actualidade os Project Managers especializados superan os 700.000 formados e asociados, distribuídos por máis de 200 países, sendo unha das especializacións formativas máis demandadas a nivel mundial. Por exemplo, neste momento, nunha das plataformas web de busca de emprego máis coñecidas, hai 277 ofertas para Project Manager só a nivel español. Máster en Dirección de Proxectos da USC O Grupo de Investigación PROePLA - 1716, dirixido polo catedrático D. Carlos J. Álvarez López, leva coordinando as pasadas 7 edicións do Máster en Dirección de Proxectos da USC, nas que se levan formado 150 project managers. Neste momento abórdase a posta en marcha da oitava edición do programa, cuxo prazo de inscrición para o curso 2014-15 aínda segue aberto. Durante as seis primeiras edicións, o máster tiña un neto carácter profesional, pero nesta última e no futuro conta tamén carácter investigador, dando acceso á elaboración da tese de doutoramento daqueles alumnos que así o escollan. É aquí onde o máster da USC se coordina cos másteres da mesma temática das universidades de Oviedo, País Vasco e A Rioxa, propoñendo unha liña de investigación en Dirección de Proxectos pioneira a nivel nacional.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.07.2014.