Ir o contido principal

Investigadores dos principais laboratorios farmacéuticos, multinacionais e empresas biotecnolóxicas danse cita na III Reunión Ibérica de Ciencias Combinatorias

Reflexionarán na Facultade de Química sobre as novas tendencias nunha das metodoloxías de referencia na investigación farmacéutica actual

A Universidade de Santiago acolle este venres, día 23, e o sábado 24 a terceira Reunión Ibérica de Ciencias Combinatorias (RICC3), disciplina tecnoloxicamente avanzada que é na actualidade unha das metodoloxías de referencia na investigación farmacéutica actual. O encontro reunirá en Santiago a investigadores dos principais laboratorios farmacéuticos españois, multinacionais farmacéuticas, empresas biotecnolóxicas, varios equipos do Parque Científico de Barcelona e grupos académicos de diferentes universidades españolas.
A inauguración da reunión terá lugar este venres, día 23, ás 9:00 horas na Facultade de Química e a ela asisten a vicerreitora de Investigación, María José Alonso; os decanos de Farmacia e Química, José Miñones e Ramón Estévez, respectivamente; a directora do Instituto de Farmacia Industrial, María Isabel Cadavid, e o presidente do comité organizador, Eddy Sotelo.
Tras o éxito do primeiro e segundo encontro celebrados no Parque Científico de Barcelona (2003) e na Universidade de Alcalá de Henares (2005), esta terceira edición, organizada por investigadores da Unidade de Química Combinatoria do Instituto de Farmacia Industrial da USC, ten como finalidade servir de punto de encontro á comunidade científica ibérica, tanto académica como industrial, que desenvolve o seu labor na área das Ciencias Combinatorias.
O obxectivo non é só compartir resultados científicos senón tamén ideas e perspectivas, así como propiciar un foro de discusión sobre temas de actualidade e as novas tendencias nunha área en expansión. O programa científico reflectirá os diferentes aspectos básicos e aplicados das Ciencias Combinatorias en tres conferencias convidadas e numerosas comunicacións orais. Adicionalmente, na tarde do venres desenvolverase unha mesa redonda dedicada aos novos roles das Ciencias Combinatorias na era posxenómica.
As ciencias combinatoriasAs ciencias combinatorias, no seu sentido máis amplo, ocupan hoxe un papel moi relevante nos programas de investigación que requiren o descubrimento de estruturas químicas óptimas para aplicacións concretas. A evolución dos métodos combinatoriais revolucionou moitos dos paradigmas da química orgánica sintética, implementando novedosos conceptos e metodoloxías para producir, purificar e manipular grandes coleccións de compostos. É o caso da busca e validación de novas dianas terapéuticas, o desenvolvemento de novos fármacos, a química supramolecular, a agroquímica, o desenvolvemento de novos catalizadores, orgánicos e inorgánicos, e a ciencia de materiais.
A Unidade de Química Combinatoria da USCA Unidade de Química Combinatoria do Instituto de Farmacia Industrial da USC é unha plataforma biotecnolóxica que, explotando os recursos científicos dispoñibles, dá resposta ás crecentes necesidades de innovación tecnolóxica que require a investigación biofarmacéutica actual. Esta unidade complementa e reforza a posición estratéxica da Universidade compostelá dentro do ámbito da investigación biomédica en España. A súa actividade diríxese a ofrecer asesoría, soporte tecnolóxico e servizos de I+D+I altamente especializados a investigadores e grupos de investigación de organismos públicos así como a empresas de diferentes sectores da industria química, farmacéutica e biotecnolóxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2007.