Investigadores de proteómica de plaquetas reciben un premio da Sociedade Española de Trombose e Hemostasia

Investigadores do grupo Proteómica de Plaquetas da USC en colaboración co Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago recibiron o premio especial da Fundación Española de Trombosis y Hemostasia (FETH) para proxectos de investigación básica ou clínica relacionados coa trombose e a hemostasia. Os investigadores, integrados no CIMUS e o IDIS e liderados polo profesor Ángel García Alonso que á súa vez forma parte do grupo BioFarma da USC, están a estudar mediante proteómica as proteínas das plaquetas sanguíneas de pacientes con infarto agudo de miocardio co obxectivo de identificar novos biomarcadores e dianas farmacolóxicas que permitan un mellor tratamento desta patoloxía cardiovascular. O premio, dotado con 25.000 euros contribuirá ao estudo dalgunha das dianas identificadas polos investigadores galardoados para explorar o seu potencial como obxectivo terapéutico. O premio entregouse este xoves durante o acto de apertura do XXIX Congreso Nacional da Sociedad Española de Trombosis y Hemostasia (SETH) que se celebra en Sevilla. A importancia das plaquetas As plaquetas son células sanguíneas sen núcleo que se activan no momento en que se produce unha ferida, contribuíndo á formación do coágulo que evite a perda de sangue. Como explican os investigadores, o problema xorde cando, en circunstancias patolóxicas, as plaquetas se activan “de xeito indesexable” producindo un trombo que, no caso das arterias coronarias, acaba obstruíndoas dando lugar a un infarto agudo de miocardio. A proteómica ocúpase da análise do proteoma, o conxunto de proteínas presentes nunha célula, tecido ou fluído biolóxico nun momento dado e que son responsables da súa actividade biolóxica. Esta tecnoloxía baséase en técnicas avanzadas de separación e análise de proteínas. No caso das plaquetas, a proteómica permite estudar en detalle as súas proteínas co fin de atopar biomarcadores e obxectivos farmacolóxicos que permitan un mellor tratamento das enfermidades trombóticas e cardiovasculares.