Ir o contido principal

Investigadores das Universidades de Santiago e Vigo achegan recomendacións de política pública para mellorar a xestión dos servizos ecosistémicos mariños

Investigadores das Universidades de Santiago e Vigo achegan recomendacións de política pública para mellorar a xestión dos servizos ecosistémicos mariños
Investigadores das Universidades de Santiago e Vigo achegan recomendacións de política pública para mellorar a xestión dos servizos ecosistémicos mariños
Nun volume sobre xestión pesqueira adaptativa publicado na revista Ambio da Real Academia Sueca das Ciencias

Os investigadores Sebastián Villasante, economista da Universidade de Santiago, e Gonzalo Macho, biólogo da Universidade de Vigo, son os coordinadores dun volume especial sobre xestión pesqueira adaptativa publicado en Ambio, revista de referencia no ámbito das interaccións entre as actividades desenvolvidas polo ser humano e o medioambiente e editada pola Academia Sueca das Ciencias. Entre outros estudos, preséntase á comunidade científica o modelo galego de Asistencias Técnicas na Xestión de Recursos Pesqueiros e faise unha novidosa análise do rol de China no comercio mundial de produtos pesqueiros. Dada a magnitude dos impactos humanos sobre os ecosistemas mariños, para os investigadores é importante identificar as prioridades para as accións políticas así como novos enfoques para traballar en redes integrando a diversidade das condicións ecolóxicas dos océanos e a dos actores interesados. “Estes novos enfoques só terán éxito se están asentados sobre a base de accións colectivas a múltiples niveis como o local, o estatal e o internacional”, afirman. De aí que o monográfico recolla 14 traballos, boa parte deles presentados no 6th World Fisheries Congress, que versan sobre os sistemas socio-ecolóxicos da pesca desde unha dobre perspectiva, as ciencias sociais e as naturais, para achegar recomendacións de política pública e mellorar así a comprensión e a xestión dos servizos ecosistémicos que ofrecen. No volume participan máis de 50 investigadores, algúns de gran relevancia internacional como Rashid Sumaila, Daniel Pauly ou Juan Carlos Castilla, que presentan artigos sobre o Índice Global de Saúde dos Océanos e as Áreas Mariñas Protexidas de Chile. De Galicia participan 13 especialistas das tres universidades galegas e da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia. China: nova era de industrialización pesqueira O monográfico inclúe un traballo sobre a relevancia de China na industria pesqueira actual, coordinado por Sebastián Villasante, que explica que o país asiático multiplicou por catro o seu consumo pesqueiro nas últimas décadas “debido a que se converteu no principal produtor, exportador e transformador deses produtos”. “É tal a magnitude, intensidade e diversidade dos efectos do crecemento económico de China e o seu papel no comercio mundial de produtos pesqueiros que ese país acaba de iniciar unha nova era de industrialización pesqueira”, afirma o investigador. As asistencias técnicas galegas, pioneiras no mundo Gonzalo Macho e José Molares, da Universidade de Vigo e da Consellería do Medio Rural e do Mar, respectivamente, analizan no seu traballo as asistencias técnicas na xestión de recursos pesqueiros nas confrarías galegas de pescadores nun sistema de co-xestión entre a administración e os mariscadores para explotar recursos sedentarios como as ameixas ou o percebe. Este modelo, xa asentado en Galicia, é pioneiro no mundo e espertou o interese de moitos investigadores foráneos. Como poñen de manifesto os autores, estas asistencias son hoxe “fundamentais na xestión do marisqueo en Galicia, pola proximidade cos pescadores e a Consellaría, e tamén cos investigadores, e pola cantidade de tarefas que realizan, desde a toma de datos biolóxicos e pesqueiros ata a organización de reunións co sector para decidir os planes de explotación”. É por iso que reclaman un maior apoio económico, de formación e de coordinación por parte do goberno, “para darlle o valor que merece na xestión pesqueira galega”. Especies acuícolas máis caras que as salvaxes Outro artigo, liderado polos investigadores da USC Sebastián Villasante, Manel Antelo e David Rodríguez, pon de releve cómo a acuicultura mellorou substancialmente a eficiencia no uso de recursos peláxicos nas últimas décadas. Non obstante, afirman, “a industria acuícola está experimentando un proceso de concentración da produción en grandes canais de distribución de peixe”. Tomando como referencia o mercado pesqueiro español, este fenómeno está provocando que os prezos das especies acuícolas sexan superiores aos das principais especies salvaxes peláxicas. Demóstrase tamén que canto maior é a superficie dos canais de distribución, maior é a diferenza de prezos entre os dous tipos de especies. Reparto de cotas Noutro artigo, Rafael Trelles, da USC, e Jose María Da Rocha, da UVigo, analizan os efectos da implementación das cotas individuais transferibles (ITQs), advertindo que en xeral ao regulador preséntaselle un conflito ao distribuír as cotas de pesca (TACs) entre os Estados membros da UE dado que debe decidir entre as recomendacións científicas e as necesidades da industria. Da investigación conclúen que, a diferenza de outros mecanismos de xestión, o desvío das recomendacións científicas é máis elevado baixo un sistema de ITQs, no que o control e cumprimento das cotas de pesca é menor en relación a outros sistemas de xestión. Sebastián Villasante, á esquerda, e Gonzalo Macho, cuarto, cuns pescadores na Patagonia

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2013.