Investigadores da USC analizan en Groenlandia as tendencias climáticas e o desxeo no Ártico co proxecto NEOARCTIC
O profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo e coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da USC , Xosé Lois Otero, forma parte da campaña científica desprazada a Groelandia ata o vindeiro 14 de xullo no marco do proxecto NEOARCTIC, que conta con financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España, co obxecto de estudar se as tendencias climáticas recentes en Groenlandia, ademais de para comprobar se o aumento das temperaturas e a aceleración do desxeo responden a un patrón xa rexistrado noutras ocasións nos últimos milleiros ou poden estar asociadas con efectos do cambio climático.
Xosé Lois Otero, que emprendeu esta fin de semana a viaxe á illa ártica dependente do Reino de Dinamarca xunto cos demais integrantes da expedición científica implicada no proxecto NEOARCTIC (Reconstrución de Neoglaciares, oscilacións e variabilidade do clima en Greenland e Iceland), dirixirá todos os estudos e análises realizadas sobre xeoquímica dos solos, sedimentos e augas. Nesta campaña, liderada polo profesor da Universidade de Barcelona Marc Oliva, tamén participan outros investigadores do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF), a Universidade de Valladolid, o Centro Europeo de Investigación e de Ensino de Xeociencias do Medio Ambiente (Francia) e a universidade canadense de Laval (Quebec).
A expedición científica desprazada ata o Ártico no marco desta campaña, que terá continuidade ao longo do mes de agosto, traballarán na zona do casquete glaciar de Groenlandia e no norte da illa de Ellsmere, extremo setentrional de Canadá. Durante a súa estadía na illa de maior superficie do planeta Terra, os investigadores analizarán a reconstrución da variabilidade climática dos últimos milenios nesta rexión setentrional a partir do estudo de sedimentos achados no fodo dos lagos para determinar os avances e retrocesos dos glaciares como resposta ás condicións climáticas cambiantes.
Alén desta caracterización da variabilidade climática, os investigadores implicados nesta expedición estival tratarán de entender e relacionar os cambios xeoecolóxicos (solos, augas, vexetación, etc) que se están a dar nas marxes do gorro de Groenlandia nas que xa desapareceron os glaciares.