Investigadores da USC contribúen a establecer novas cotas na procura de ‘Nova Física’

O experimento LHCb do CERN vén de anunciar no congreso ‘Hadron Collider Physics’ en Kyoto (Xapón), evidencias sobre a detección dun dos decaementos máis raros xamais observados: a desintegración do mesón Bs, o estado ligado dun quark b e un quark s, en dous muóns (Bs → µ+µ-). Un muón é unha partícula similar a un electrón, pero inestable e cunha masa unhas 200 veces maior. Como explican investigadores da USC “a probabilidade de que a medida non se deba a este decaemento é so de 1 entre 5000”. Varios membros do grupo de Física de Altas Enerxías da USC foron actores principais nesta medida, que é a culminación dun traballo de varios anos, despois de ser proposto en LHCb por un grupo no que se atopaba o profesor Jose Ángel Hernando e o daquela estudante de doutoramento Diego Martínez. O propio Diego Martínez e Xabier Cid teñen culminado as súas teses de doutoramento na USC con estudos sobre esta desintegración que Jose Ángel Hernando coordinou durante 2011. A investigación desenvolvida mediu tamén a probabilidade desta desintegración, que resultou ser de 3.2 veces en mil millóns, “rarísima” en opinión dos investigadores, pero de acordo coa predición do Modelo Estándar das Partículas Elementais, que é de 3.5 veces en mil millóns. Esta procura implicou separar unhas decenas de candidatos de entre os miles de millóns de sucesos que o detector LHCb rexistra cada segundo, tomados a partir das colisións protón-protón do Gran Colisor de Hadróns (LHC).
A medida desta probabilidade de desintegración ten “grande importancia”, apuntan os investigadores da USC, porque existen algúns modelos alén do Estándar que predicían que debera ser maior á observada. Entre estes atópanse certos modelos de ‘Supersimetría’, moi populares en Física de Partículas pola súa beleza. Como apunta Xabier Cid, “o Modelo Estándar sae reforzado desta medida, que ademais se converte en si mesma nunha limitación importante que debe cumprir calquera extensión teórica que pretenda mellorar o modelo actual”. Os resultados teñen acadado gran resonancia internacional a través da páxina principal do CERN, así como dunha reportaxe especial da BBC e publicacións de diversos países.