Ir o contido principal

Investigadores da USC e do CSIC presentan o proxecto 'Xestión Integral do Patrimonio Cultural de Amoeiro'

O equipo de científicos leva traballando na zona desde 1999

Un equipo de investigadores da USC e do Laboratorio de Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (LaPa - CSIC) presentan este sábado 20, ás 18:30 horas na casa da Cultura do Amoeiro (Ourense), o Proxecto Arqueolóxico de Xestión Integral do Patrimonio Cultural de Amoeiro.
Dende 1999 o grupo realizou traballos de prospección e sondaxes arqueolóxicas na estación de gravados da Ferradura. Ademais, rexistraron con tecnoloxía GPS a totalidade dos xacementos emprazados na zona.
O proxecto, que rematará en 2011, pretende alcanzar un coñecemento global dos elementos patrimoniais do municipio; establecer un sistema de relación estable entre os investigadores e os veciños de Amoeiro e organizar actividades de divulgación para dar a coñecer o seu patrimonio arqueolóxico. Os científicos traballan ademais nun documental sobre a zona da Ferradura.
“Queremos “devolver” aos veciños de Amoeiro o que se coñecemos a través da investigación que levamos a cabo”, indica Marco García. Trátase de que poidan convertelo en ferramenta “para un desenvolvemento sostible no marco da política europea de conservación das paisaxes culturais”.
Os petróglifos de A FerraduraA comarca de Amoeiro, a 20 quilómetros de Ourense, atópase nunha zona elevada coñecida como “Chan do Amoeiro”, onde se empraza a área da Ferradura, que forma unha estación de arte rupestre cunha trintena de rocas con petróglifos distribuídas en 20 grupos nas zonas de Outeiro de Zarra, Coto de Castro e Chan da Ferradura.
A estación de gravados da Ferradura (Amoeiro) foi localizada en 1997 durante o seguimento e control do impacto arqueolóxico das obras de construción do gasoduto de Galicia no tramo Pontevedra-Ourense.
Entre os petróglifos que se conservan en Galicia, os da Ferradura presentan características singulares e de gran valor. En primeiro lugar, neles poden comprobarse unha serie de aliñacións arqueoastronómicas en determinados momentos do ano, como os solsticios de verán e inverno. Ademais, a zona conta cunha gran cantidade de xacementos como os castros de San Cibrán de Las e San Trocado, o asentamento indíxena de As Laias ou na aldea de Formigueiro un releve da Idade de Ferro con motivos xeométricos e un friso con cabalos e xinete que pode evocar "xogos ecuestres".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2009.