Ir o contido principal

Investigadores da USC dan un paso máis na loita contra o cancro de mama

Un equipo da USC xunto con investigadores da Fundación Hospital de Jove analizan a relación do factor de transcripción Pit-1 co cancro

Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago, xunto a outros da Fundación Hospital de Jove (Xixón), encabezados polo profesor Román Pérez-Fernández acaba de publicar un artigo sobre o cancro de mama no Journal of Clinical Investigation, a 2º revista con maior índice de impacto na categoría ‘ Medicina, investigación e experimentación’ do Journal Citation Report. O traballo, titulado ‘Deregulation of the Pit-1 transcription factor in human breast cancer cells promotes tumor growth and metastasis’, foi elaborado na súa totalidade en España por un equipo multidisciplinario no que están representados os departamentos de Fisioloxía, Ciencias Morfolóxicas e Obstetricia e Xinecoloxía da USC. Co traballo desenvolvido, os investigadores conclúen que elevados niveles do factor de transcripción Pit-1 en mama incrementan a proliferación celular e diminúen a morte celular, inducindo unha maior invasividade tumoral. O traballo demostra que o exceso de Pit-1 na mama está relacionado coa formación de tumores e co posible desenvolvemento de metástases. Trátase dun achado de relevancia xa que elevados niveles de Pit-1 poderían indicar un mal prognóstico naqueles pacientes con ganglios positivos, polo que serían doentes susceptibles dun tratamento máis agresivo e un seguimento máis estreito. Pola contra, aquelas persoas cuxos niveis de expresión Pit-1 foran baixos terían un prognóstico máis favorable. A presenza do factor Pit-1 tíñase descrito orixinariamente na hipófise, onde xoga un papel clave na diferenciación celular e na regulación de hormonas hipofisarias como a do crecemento e a prolactina. Deste xeito, a ausencia de Pit-1 en hipófise provoca, por exemplo, enanismo. En traballos previos, este mesmo grupo de investigadores xa describiran que Pit-1 se producía na glándula mamaría, atopando a súa maior expresión en tumores de mama que en casos sans. Vitamina D, hipotético tratamento

Agardando que o estudo creza coa inclusión dun maior número de casos, os investigadores xa apuntan que estudos previos demostran que a vitamina D, unha hormona con gran capacidade anti-tumoral, inhibe a Pit-1, o que deixa aberta a porta a posibles tratamentos con esta vitamina ou con análogos, en pacientes con tumores nos que existan niveis elevados de Pit-1.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2010.