Ir o contido principal

Investigadores da USC deseñan un novo test para detectar de xeito rápido e fiable a fasciolose humana

Adulto de Fasciola hepática teñida con carmín
Adulto de Fasciola hepática teñida con carmín
É o primeiro test destas características para a diagnose dunha enfermidade causada por trematodos

Hermafroditas, con forma de folla de entre 2 e 3 centímetros de longo, cun período de supervivencia de máis de dez anos e con capacidade para producir ata 25.000 ovos ao día. Este é o perfil dun parásito trematodo do xénero Fasciola responsable da fasciolose, unha enfermidade do gando e da que, ata hai pouco tempo, se pensaba que afectaba ocasionalmente ás persoas. A realidade é distinta, xa na que actualidade se estima que están afectadas por este parásito 17 millóns de persoas, particularmente en Bolivia, Chile, Perú e Ecuador. En Europa, a maior parte dos casos concéntranse en Francia, Portugal e España, estimándose que neste último inféctanse 400 persoas ao ano. Ademais, e a modo de dificultade engadida os síntomas da enfermidade poden pasar desapercibidos. Investigadores do laboratorio de Parasitoloxía da USC desenvolveron un novo test rápido para detectar con gran precisión en tan só quince minutos a fasciolose humana. Os resultados acaban de ser publicados na revista PloS Neglected Tropical Diseases, unha das de mais alto impacto na área de Parasitoloxía. O método, de funcionamento similar ao dos coñecidos test de embarazo, permite a diagnose cunha gota de sangue utilizando un anticorpo monoclonal e unha proteína recombinante marcada con nanopartículas de ouro. É o primeiro test destas características para a diagnose dunha enfermidade causada por trematodos, un grupo de parásitos que provocan enfermidades tan importantes como a esquistosomose que afecta a 200 millóns de persoas en 76 países, especialmente no continente africano. A vantaxe deste novo dispositivo é que poden utilizalo nas propias zonas endémicas persoas minimamente adestradas. Ata agora a alternativa eran test baseados en metodoloxía ELISA que empregan mostras de soro ou feces e que para ser utilizados requiren de persoal adestrado e da utilización de equipos sofisticados unicamente presentes en laboratorios de hospitais e centros de investigación. Ademais do grupo de Inmunoparasitoloxía liderado polo profesor Florencio M. Ubeira, no desenvolvemento deste test colaboraron investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, coordinado por Mercedes Mezo, e o laboratorio de Parasitoloxía do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid, dirixido por Teresa Gárate. Fasciolose A fasciolose é coñecida dende a antigüidade como unha enfermidade do gando, onde causa notables perdas económicas. Un estudo deste mesmo grupo revela que en Galicia un 16% das explotacións gandeiras ten máis da metade dos animais parasitados por Fasciola. Ata hai pouco se consideraba que só ocasionalmente afectaba ás persoas, ata que un estudo da OMS revelou que a taxa de poboación afectada era moito maior do que se cría, dándose casos por todo o mundo. Non obstante, a diferenza dos animais, a prevalencia en humanos se estima en base ao número de casos esporádicos que se detectan nalgúns hospitais, polo que se descoñece a verdadeira dimensión del problema. A fasciolose está considerada unha enfermidade reemerxente cuxa prevalencia os investigadores sinalan que podería aumentar coa incidencia do cambio climático. Presentes nas vías biliares, os ovos que producen os parásitos pasan ao intestino para ser eliminada polas feces. Non obstante a súa eliminación non é constante e non aparecen nos excrementos ata transcorrido un período de entre 3 e 4 meses dende a infección. De cada ovo xurde unha larva que busca ao seu hospedador intermediario, un pequeno caracol de auga doce, dentro do que se volve multiplicar producindo ata 4.000 larvas. Unha vez que abandonan o caracol, se enquistan na vexetación agardando ser inxeridas polo hospedador definitivo, principalmente animais herbívoros ou accidentalmente persoas, aínda que tamén se pode transmitir pola auga non tratada ou por enxerir maceradas de plantas. Unha vez no intestino, as larvas desenquístanse e atravésano para migrar a través da cavidade abdominal ata alcanzar o fígado, iniciando unha peregrinación por este órgano durante o que cavan túneles polos que se desprazan. Neste proceso, as larvas aliméntanse do tecido hepático e van aumentando de tamaño, mentres se instalan nas canles biliares onde crecen ata adultos. Sintomatoloxía A intensidade dos síntomas depende do número de parásitos inxeridos. Cando esta cifra é relevante, despois dun período de incubación dunhas seis semanas os pacientes entran nunha fase aguda da infección (2-4 meses de duración) que sole presentar dolor abdominal, febre e un aumento del tamaño do fígado, que se presenta doloroso á palpación. Tamén poden aparecer manifestacións alérxicas en forma de urticaria e prurito no 25% dos pacientes sintomáticos. Despois de que os parásitos se establecen nas vías biliares se entra nunha fase crónica onde solen presentarse anemia e problemas de obstrución e inflamación das canles biliares.

A diagnose da enfermidade na fase aguda resulta de grande interese para evitar o dano do fígado pero, ao mesmo tempo, resulta difícil pola inespecificidade dos síntomas e porque os ovos do parásito non aparecen nas feces ata a fase crónica. Deste xeito, a parasitose pode pasar inadvertida durante moito tempo. Neste senso, o test desenvolvido polos investigadores da USC permite dun xeito sinxelo e rápido confirmar a sospeita da enfermidade xa na fase aguda, permitindo tratar aos pacientes antes de que o parásito provoque lesións hepáticas.

Arriba, de esquerda a dereita, Victoria Martínez-Sernández, Laura Muiño, Fernanda Romarís, Florencio M. Ubeira. Abaixo, de esquerda a dereita, Mercedes Mezo, Marta González-Warleta, María Jesús Perteguer, Teresa Gárate Detalle do equipamento necesario para o test deseñado polos investigadores da USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2011.