Ir o contido principal

Investigadores da USC indagan sobre os efectos antitumorais dalgúns compostos moleculares presentes nas plantas

Manuel Freire-Garabal, con investigadoras do do grupo SNL-Lennart Levi da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC
Manuel Freire-Garabal, con investigadoras do do grupo SNL-Lennart Levi da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. Foto: Santi Alvite
A Catequina e a Procianidina B2 son compostos presentes en froitos e noutros órganos de especies vexetais que axudan a reverter a progresión e diseminación de diversos tipos de cancro, segundo un estudo publicado en Internacional Journal of Molecular Sciences no que participa o grupo de investigación liderado por Manuel Freire-Garabal
Santiago de Compostela

Investigadores do grupo SNL-Lennart Levi da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC acaban de publicar no último número da revista  International Journal of Molecular Sciences un estudo preliminar sobre como pode influír o emprego de compostos molecuares presentes na vide como axentes quimiopreventivos e quimiosensibilizadores en relación co cancro. Os datos recollidos nesta publicación están basados nas análises in vitro desenvolvidas xunto co grupo Viticultura, Olivo e Rosa, da MBG-CSIC sobre o efecto de tratamentos de quimioterapia para diferentes de cancro de mama e próstata con dúas moléculas presente na vide, tales como son a Catequina e a Procianidina B2.

Os resultados, tal e como se recolle en International Journal of Molecular Sciences revelan que o tratamento con Procianidina B2 induce efectos antiproliferativos e proapoptóticos sobre algunhas células tumorais de orixe humana de dúas a cinco veces superiores aos efectos provocados por tratamentos con antitumorais clásicos como pode ser o docetaxel. Ademais, tales compostos potencian de forma intensa os efectos e beneficios deste antitumoral, segundo sinalan os autores da investigación.
 
“As principais limitacións da quimioterapia convencional fronte a cancros de próstata e mama, cancros hormonais heteroxéneos, son a resistencia a estes tratamentos e aos sus efectos adversos”, explican Manuel Freire-Garabal e Carmen Martínez Rodríguez, coordinadores dos grupos de investigación da USC e o CSIC, respectivamente. Daquela, dado que o emprego de axentes capaces de aumentar a sensibilidade das células con cancro fronte a ditos fármacos podería mellorar a súa eficacia, estes investigadores analizaron in vitro os efectos no tratamento das moléculas Catequina e Procianidina B2 en ausencia o baixo o efecto do docetaxel. A Catequina e a Procianidina B2 son compostos que se atopan nos froitos ou noutros órganos de certas especies vexetais.

“O docetaxel é un alcaloide vexetal que se atopa na codia da árbore do teixo. Trátase dunha clase de axente anticanceríxeno que se une á beta tubulina, estabiliza os microtúbulos e induce á detención do ciclo celular e a apoptosis empregada en quimioterapia. A pesar do seu probado éxito, presenta como problemas a toxicidade acumulativa relacionada co fármaco e a quimiorresistencia”, sinala Freire-Garabal, cuxo equipo de investigación tamén está a indagar sobre as propiedades das microalgas.

Estudo e beneficios

O estudo cuxos resultados se publican agora en International Journal of Molecular Sciences serviu para indagar sobre o posible uso de Catequina e Procianidina B2 para reverter a progresión e diseminación do cancro, ademais de como axentes quimiosensibilizadores, é dicir, como compostos naturais ou sintéticos  que, combinados con fármacos quimioterapéuticos, poden mellorar a súa eficacia e reducir os seus efectos adversos.

Os investigadores traballaron in vitro con diferentes liñas celulares humanas que representan diferentes tipos de cancros de mama (T47D, MCF-7 e MDA-MBG-231) e de próstata (PC3, DU-145), segundo a clasificación de National Cancer Institute, o que levou a análise dos seus efectos proapoptóticos, provocando a morte das células canceríxenas; antiproliferativos, evitando a súa multiplicación, e antimigratorios, freando a metástase.

“Os resultados revelaron que o tratamento con Procianidina B2 induciu efectos antiprolifer   ativos e proapoptóticos de dúas a cinco veces superiores ao tratamento con doxetaxel. Tamén se observou que tanto a Catequina como a Procianidina B2 poden mellorar a eficacia da terapia con docetaxel, o que se traduce na posibilidade de usalo en doses máis baixas, evitando así os seus temidos efectos tóxicos”, apuntan os autores do estudo, quen avogan por “ampliar estes resultados con novas investigacións que poderían derivar na elaboración de complementos útiles en prevención e tratamento do cancro e mesmo no deseño de novos fármacos oncolóxicos.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2021.