Ir o contido principal

Investigadores da USC interveñen nunha nova campaña do proxecto NEOARCTIC en Groenlandia

O proxecto NEOARCTIC estuda se o aumento das temperaturas e a aceleración do desxeo responden a un patrón xa rexistrado noutras ocasións
O proxecto NEOARCTIC estuda se o aumento das temperaturas e a aceleración do desxeo responden a un patrón xa rexistrado noutras ocasións
O coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da USC e investigador do CRETUS, Xosé Lois Otero, dirixe os traballos de análise xeoquímica dos solos, sedimentos e augas do proxecto e permanecerá na illa danesa ata o 9 de setembro
Lugo, Santiago de Compostela

O proxecto de investigación NEOARCTIC (Reconstruction of Neoglacial oscillations and climate variability in Greenland and Iceland) desenvolve unha nova campaña científica na rexión ártica para estudar se as mudanzas climáticas que se están a experimentar na zona, cun notorio incremento das temperaturas e aceleración do desxeo, responden a patróns xa presentes nos rexistros xeolóxicos ou amosan os efectos amplificados da inercia climática global. 

Ata o 9 de setembro, o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da institución, Xosé Lois Otero, permanecerá en Groenlandia para colaborar nos traballos de mostraxe deste proxecto no que asume a dirección do exame xeoquímico dos solos, sedimentos e augas da rexión. Os resultados da mostraxe serán despois analizados nos laboratorios do Centro Interdisciplinar de Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, ao que tamén pertence o investigador. 

Esta nova expedición científica do proxecto NEOARCTIC, liderado polo profesor da Universidade de Barcelona Marc Oliva e con financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España, dá continuidade á desenvolvida entre xullo e agosto de 2022 na illa de Ellsmere (Canadá) e no casquete glaciar de Groenlandia. O equipo investigador céntrase agora na contorna de Ilulissat, na costa occidental da illa danesa, para tomar mostras de glaciares rochosos, así como de permafrost, augas e solos. Canda Xosé Lois Otero e Mar Oliva participan tamén na expedición os investigadores Ignacio López, do Instituto Pirenaico de Ecoloxía do CSIC, e Enrique Serrano, da Universidade de Valladolid. 

O obxectivo da campaña é caracterizar a variabilidade climática destas rexións árticas durante os últimos milenios a partir do estudo dos sedimentos dos fondos dos lagos. Procúrase, ademais, reconstruír as oscilacións dos glaciares durante este período como consecuencia dos cambios climáticos e entender as mudanzas xeoecolóxicas (que afectan a solos, augas, e vexetación, entre outros elementos) que se están a dar nas marxes da rexión ártica.
 

O investigador Xosé Luis Otero dirixe  os traballos de análise xeoquímica dos solos, sedimentos e augas do proxecto
O investigador Xosé Luis Otero dirixe os traballos de análise xeoquímica dos solos, sedimentos e augas do proxecto
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.09.2023.