Investigadores da USC mostran en Austria o proxecto de formación continua para doentes hospitalizados de longa duración
Co obxectivo de facilitar actividades de formación continua en liña para pacientes adultos hospitalizados de longa duración, o proxecto E-Hospital creouse en centros de sete países europeos. En España, foi desenvolto polo Grupo de Tecnoloxía Educativa da USC xunto co Departamento E-learning do CESGA e testouse na Unidade de Lesionados Medulares do Hospital Juan Canalejo da Coruña. Os resultados obtidos polos investigadores mostraranse no congreso europeo a celebrar o vindeiro 19 de setembro na cidade austríaca de Krems.
Actualmente, o proxecto E-Hospital atópase na última etapa de creación. Por iso, o encontro centrarase xa na presentación das experiencias levadas a cabo en Austria, Francia, Alemaña, Polonia e España, baixo a coordinación da institución austríaca Die Berater.
Ademais das achegas dos distintos grupos de investigación europeos, o congreso acollerá as conferencias de expertos internacionais nos campos do e-learning, saúde e aprendizaxe. Tamén contará con sesións interactivas de boas prácticas, orientadas ao intercambio de experiencias en profundidade, e o debate sobre a educación para pacientes adultos. O prazo de inscrición no evento manterase aberto ata o mércores, día 10.