Ir o contido principal

Investigadores da USC participan na elaboración do primeiro código internacional de dosimetría de pequenos campos de radioterapia externa

Diego-Miguel González e Faustino Gómez, nas instalacións do Laboratorio de Radiofísica da USC
Diego-Miguel González e Faustino Gómez, nas instalacións do Laboratorio de Radiofísica da USC

Faustino Gómez e Diego-Miguel González Castaño, do Laboratorio de Radiofísica da USC, son dous dos quince integrantes dun panel de expertos a nivel internacional consultados para a redacción do novo protocolo mundial de dosimetría para campos pequenos de radioterapia externa da Organización Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) e a Asociación Americana de Física en Medicina (AAPM). O protocolo presenta o “ primer código internacional de práctica dedicado á dosimetría de pequenos campos estáticos utilizados en radioterapia”.

Como se recolle no propio protocolo, as directrices internacionalmente harmonizadas neste campo “garantirán a coherencia mundial na administración da doses a pacientes con radioterapia e contribuirán á estandarización da dose nos ensaios clínicos internacionais, comparando os resultados de diversas modalidades de tratamento con radioterapia utilizando campos pequenos”. Integraron o panel investigadores de Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Francia, Italia e Suíza, ademais de España.

A contribución a este novo protocolo, explica Faustino Gómez, é o resultado dun traballo de máis de dez anos no que tamén participaron diferentes membros do grupo de investigación de Imaxe Molecular e Física Médica da USC, como Javier Pena García, Juan Pardo Montero ou Araceli Gago Arias. Na súa opinión, a participación no protocolo é “unha mostra da relevancia nacional e internacional do Laboratorio de Radiofísica da RIAIDT na área da dosimetría de radiciacións en nivel de terapia”.

O Laboratorio de Radiofísica da USC é o único de calibración secundaria acreditado en radioterapia en España e encárgase da calibración dos servizos de radioterapia hospitalarios. Grazas á recente instalación dun acelerador lineal de electróns no mesmo laboratorio, a USC converteuse na única universidade española que conta cun acelerador médico propio nas súas instalacións. Ademais, engade o seu director, o Laboratorio da USC convértese deste xeito nun dos primeiros de Europa que conta coa capacidade de calibración nos feixes de megavoltaxe usados para o tratamento dos doentes nos hospitais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2017.