Investigadores da USC participan nun grupo operativo de xestión sostible de maceiras e aguacates en Galicia liderado por Vivaz Plant
Un equipo de investigadores do Campus Terra da USC, entre os que figuran os profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior Xesús Pablo González Vázquez e Javier J. Cancela Barrio, forman parte do grupo operativo liderado pola sociedade agraria de transformación Vivaz Plant, con sede en Tomiño, e orientado a fomentar a xestión sustentable de recursos naturais baseándose no cultivo de maceiras e aguacates en Galicia.
O grupo operativo posto en marcha por Vivaz Plant, unha sociedade que ten cultivadas unas 6.000 plantas de maceiras para sidra, repartidas en 7,3 hectáreas, e 700 plantas de aguacate noutra parcela de 200 hectáreas, conta tamén coa participación do Grupo Eco3g Consultores, en calidade de axente de innovación e co Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), ademais dos xa citados investigadores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, que actuarán como centro de investigación experto.
O obxectivo fundamental deste proxecto é a implantación, desenvolvemento, aumento produtivo e a comercialización estable de maceiras de variedades autóctonas para produción de sidra 100% de orixe galega e aguacates para consumo en fresco mediante técnicas innovadoras e respectuosas co medio ambiente dentro dunha contorna rural actualmente infrautilizada. Este proxecto busca achar a través da mazá e do aguacate vías innovadoras de desenvolvemento que contribúan a modernizar e a proporcionar maior competitividade e innovación ao sector rural galego.
A constitución deste grupo operativo espera poder desenvolver un proxecto que faga posible xerar produtos propios singulares en base ao aguacate e á mazá que resulten competitivos en rendibilidade económica e calidade no mercado global. Desenvolver proxectos de I+D arredor destes produtos, achegar ao medio rural galego ferramentas para o desenvolvemento autónomo e económico coa máxima sustentabilidade son outros dos cometidos desta iniciativa.
O grupo operativo promovido e liderado por Vivaz Plant pretende tamén apoiar o desenvolvemento de proxectos de I+D en programas nacionais e europeos que proporcionen financiamento e tamén acceso a redes globais de coñecemento. Potenciar a transferencia tecnolóxica desde as universidades e axentes de innovación, experimentar con variedades minoritarias, avaliar posibles subprodutos… son outros dos propósitos deste proxecto.