Ir o contido principal

Investigadores da USC participan na primeira avaliación realizada en España sobre a mortalidade atribuíble ao tabaquismo pasivo

Investigadores da USC participan na primeira avaliación realizada en España sobre a mortalidade atribuíble ao tabaquismo pasivo

A investigadora Mónica Pérez Ríos e o profesor Agustín Montes Martínez, da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, atópanse entre os autores dun artigo recentemente galardoado co premio ‘As mellores ideas da Sanidade 2008’ que concede Diario Médico.
O artigo en cuestión, publicado na revista Tobacco Control, conclúe que a exposición ao fume do tabaco ocasionou no ano 2002 en España polo menos 1.228 mortes de persoas non fumadoras. O traballo avaliou por vez primeira a mortalidade atribuíble á exposición do fume ambiental do tabaco en España. Para a súa elaboración tomáronse como base tres enquisas de saúde efectuadas en Barcelona e en Galicia.
Segundo a análise, a morte rexistrada por tabaquismo pasivo no traballo son o dobre en mulleres que en homes ao contabilizar 820 na poboación feminina estudada e 408 entre os varóns.
A investigación coordinárona María José López, da Axencia de Saúde Pública de Barcelona, e Esteve Fernández do Instituto Catalán de Oncoloxía e coordinador da Rede Catalá de Hospitais sen Fume. Con eles colaboraron os investigadores da USC e do concello de Tarrasa, todos pertencentes ao grupo de tabaquismo da Sociedade Española de Epidemioloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2023.