Ir o contido principal

Investigadores da USC participan nun proxecto europeo para acelerar o desenvolvemento de cidades intelixentes

Obter unha ferramenta para mellorar a eficiencia enerxética e a planificación sostible das cidades europeas; ese é o obxectivo do proxecto PLEEC (Planning for Energy Efficient Cities), unha investigación na que participarán 13 países europeos, representados por 18 socios, entre eles a USC a través do Centro Singular en Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS), o Instituto de Investigación Tecnolóxicas e os departamentos de Matemática Aplicada e de Estatística da USC. A iniciativa vén de ser aprobada pola Comisión Europea no marco do programa FP7 (Framework Programme for Research and Technological Development). Tomando como modelo a metodoloxía aplicada pola Unión Europea (UE) para a clasificación das cidades intelixentes -ou Smart Cities-, o proxecto centrarase en aspectos clave para o desenvolvemento das cidades, tales como: sistemas enerxéticos; redes de enerxía eléctrica, de calefacción e refrixeración ou de auga (tanto potable como augas residuais); recollida, tratamento e reciclaxe de residuos; uso da enerxía; construción de edificios, transporte eficiente ou mobilidade. Asemade, serán tamén obxecto de estudo factores a ter en conta neste novo modelo, como o exercicio de goberno ou o comportamento cidadán. A análise realizarase nas seis cidades europeas que participan no consorcio (Estkilstuna -Suecia-, Jyväskylä /Turku -Finlandia-, Tartu -Estoniana-, Stoke-on-Trent -Reino Unido- e Santiago de Compostela -España-), e permitirá obter unha metodoloxía de planificación integrada para o desenvolvemento e a evolución das cidades, dun xeito máis eficiente e sustentable. Esta metodoloxía porase a disposición do resto de cidades europeas, co obxectivo de facilitar a redución do seu impacto ambiental e avanzar así cara aos resultados do Programa Marco Horizonte 2020, fixados pola UE. O proxecto foi presentado recentemente a nivel local, e conta cun orzamento global de catro millóns de euros, financiados polo 7º Programa Marco de I+D da Unión Europea (Framework Programme for Research and Technological Development – FP7).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.07.2013.