Ir o contido principal

Investigadores da USC participaron na xornada de Antioxgal sobre 'Aplicacións de antioxidantes en produtos cárnicos'

Investigadores da USC participaron na xornada ‘Aplicacións de antioxidantes en produtos cárnicos’ celebrada no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e organizada pola Rede Galega para o Estudo de Antioxidantes Naturais (ANTIOXGAL), que integran varios equipos das tres universidades galegas e de centros públicos de investigación.
Na xornada participou María José Núñez García, do Departamento de Enxeñaría Química da USC, xunto a especialistas nacionais procedentes de diversas universidades españolas así como de entidades autonómicas con competencias neste eido de estudo.
Os organizadores da xornada, os investigadores Lorenzo Montserrat e Daniel Franco pertencen ao grupo de Calidade de Carne do Departamento de Produción Animal do CIAM. Este grupo posúe unha ampla experiencia na produción de carne de calidade a partir do xato tradicional en sistemas de pastoreo. A intención deste equipo é agora avanzar no estudo do efecto que ten a acumulación de antioxidantes, a través da alimentación, sobre o aumento da vida útil de carne de tenreira galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2008.