Investigadores da USC publican na rede unha compilación de materiais críticos e recensións sobre Lois Pereiro e a súa obra
O equipo de poesiagalega.org, un proxecto do Grupo Alea de Análise Poética da Facultade de Filoloxía da USC, acaba de facer accesible en liña un dossier sobre Lois Pereiro que compila materiais críticos e recensións sobre o autor monfortino e a súa obra, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas que a USC conmemorará o venres 12 en Fonseca coa presentación dun libro. O dossier recolle textos publicados a partir dos anos 80, nalgúns casos anteriores á publicación do primeiro libro do poeta, que se complementan cunha escolma de entrevistas, materiais sonoros e documentación gráfica que se irá incrementando de aquí a finais do verán, cando sairá unha segunda e definitiva versión do documento. Estruturado en catro apartados –monográficos; artigos, recensións e entrevistas; documentación sonora e fotográfica; e material audiovisual- o dossier pode consultarse por acceso directo aos capítulos que interesen ou descargando a súa totalidade en formato pdf. Poesiagalega.org Ademais da vertente documental vinculada coa investigación literaria e sobre o sistema cultural galego, o proxecto poesiagalega.org asume unha orientación social e educativa. O equipo, que coordina o profesor Arturo Casas, trata de fornecer textos e imaxes aos usuarios da rede de xeito ordenado, coidando o plano heurístico-conceptual no que se apoia o arquivo e asemade a propia edición dos textos e das imaxes. A rendibilidade do arquivo provén da arquitectura informativa da web como base de datos, que permite facer buscas por palabras delimitando os campos cronolóxicos ou doutro tipo que interesen a cada persoa, co que o rendemento informativo e didáctico resulta notabelmente potenciado. Pero poesiagalega.org ten unha función complementaria, como é a de mostrar a riqueza e diversidade da poesía galega contemporánea (séculos XIX a XXI), entre a tradición e a experimentación, e as posibilidades múltiples que a poesía ofrece como material de estudo e obxecto de investigación. Libro sobre Lois Pereiro Esta compilación acerca da figura e obra do poeta galego vense sumar ao acto que este venres 13 se celebrará na Universidade de Santiago en conmemoración do Día das Letras Galegas. Nel, o catedrático Anxo Tarrío Varela fará unha semblanza de Lois Pereiro á vez que presentará un volume dedicado ao poeta elaborado polo Departamento de Filoloxía Galega da USC.