Ir o contido principal

Investigadores da USC recrean virtualmente nun simulador o funcionamento do Botafumeiro da Catedral de Santiago

Detalle do funcionamento do simulador elaborado por investigadores da USC
Detalle do funcionamento do simulador elaborado por investigadores da USC

O Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC, baixo a coordinación do profesor do Departamento de Electrónica e Computación Julián Flores, deseñou un simulador que recrea o Botafumeiro da Catedral de Santiago. Actualmente, este simulador pode visitarse na exposición Galicia Dixital instalada no mosteiro de San Martín Pinario e na versión itinerante desta mesma mostra que percorre periodicamente as principais cidades galegas.
O visitante da mostra queda inmerso nun entorno de realidade virtual que recrea a parte da catedral na que se instala o Botafumeiro onde accionando o tiro dunha corda, tal e como fan os tiraboleiros, pode facer oscilar o botafumeiro.
O simulador ten un carácter global e incorpora a dinámica do movemento do botafumeiro, unha visualización avanzada nun sistema inmersivo de tres pantallas cunha área aproximada de 12m2. Neste contexto visual, un motor gráfico desenvolvido polo grupo de investigación, un modelo completo da catedral e un sistema de interacción permite recrear o traballo que realizan os tiraboleiros da catedral mediante un novidoso sistema de interacción.
Lonxe de parecer unha mera atracción, dende o punto de vista científico este traballo ten sido publicado en varios congresos internacionais e revistas de prestixio tal como a publicación do Massachusetts Institute of Technology (MIT) e recentemente, en 2007, como conferencia convidada na Borsa Mediterránea de Turismo archeologico como parte da representación española invitada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2007.