Ir o contido principal

Investigadores da USC traballan no desenvolvemento de sistemas de e-learning para pacientes hospitalizados de longa duración

Continúa o Proxecto E-Hospital na Escola de Adultos do Hospital Psiquiátrico de Conxo

O Proxecto europeo E-Hospital, que lidera o grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa da USC xunto co Departamento de e-learning do Cesga, continúa este ano na Escola de Adultos do Psiquiátrico de Conxo, logo de terse experimentado cun grupo piloto de pacientes ingresados na Unidade de Lesionados Medulares do Canalejo.
E-Hospital busca desenvolver un sistema destinado a pacientes hospitalizados de longa duración que, baseado en software libre e utilizando metodoloxía didáctica, ofreza un servizo formativo acreditado pola Universidade de Santiago mediante títulos oficiais de formación continua.
Nesta nova etapa do proxecto participan ademais o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, responsable da aula na que se desenvolverán as actividades; o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC; e un grupo de alumnos das titulacións de Pedagoxía e Educación Social que farán o Practicum vinculado á experiencia.
O equipo de investigación incorporou recentemente á profesora do Departamento de Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía da USC, Isabel Porto, que valorará as posibles aplicacións deste sistema en diferentes campos da especialidade de otorrinolaringoloxía e, en concreto, os casos de doentes larinxetomizados ou con trastornos da fala.
Nestas situacións, usaranse aplicacións de recoñecemento da voz ou emuladores de rato que se probaron con éxito en lesionados medulares, así como contidos multimedia para o adestramento da voz. A fin sería o desenvolvemento de investigacións que permitan analizar o posible impacto deste sistema e-learning na recuperación do paciente.
De cara ao futuro, o Proxecto E-Hospital quere poñerse en marcha no Hospital Clínico Universitario co apoio da Facultade de Medicina, como apunta a coordinadora da experiencia, a profesora Carmen Fernández Morante.
Manual de boas prácticasAsemade, e dentro do Proxecto E-Hospital, publicarase en breve o manual de boas prácticas que leva por título Planning and delivering e-learning to adult patients in European hospitals. A handbook for practitioners. Esta obra, que se editará en seis linguas europeas, distribuirase na rede de hospitais públicos de España e Europa e servirá como guía para todos aqueles profesionais da educación e da saúde que desexen realizar unha proposta de e-learning en hospitais.
E-HospitalO Proxecto E-Hospital é unha iniciativa europea Grundtvig que tivo como obxectivos desde 2005 validar o deseño dun sistema de e-learning para hospitalizados de longa duración e o desenvolvemento dun manual de boas prácticas de educación hospitalaria. Coa fin de cumprir estes fins, o equipo contou con expertos das Facultades de Ciencias da Educación e de Medicina xunto con profesionais da saúde.
Deste xeito, en 2007 a USC desenvolveu un Curso Básico de Alfabetización Dixital en formato multimedia e creou o título de formación continua ‘E-Hospital: Alfabetización dixital básica’ cuxo primeiro curso realizaron dez pacientes da Unidade de Lesionados Medulares do Hospital Juan Canalejo. Actualmente, todos os doentes ingresados interesados nesta formación xa poden realizar o curso da USC.
En xeral, a responsable do proxecto lembra que, ata o momento, non existía en Galicia unha oferta educativa axeitada ás necesidades dos doentes de longa duración proporcionando a súa actualización profesional e facilitando a súa reinserción laboral. Antes, os pacientes abandonaban a comunidade galega para recibir esta formación especializada en centros de Madrid e de Toledo.
Actualmente, o proxecto, que acaba de recibir o Premio ComputerWorld, enfróntase ao reto da súa consolidación e extensión a outros hospitais públicos galegos. Para iso, matiza a profesora Fernández Morante, requírese un financiamento estable.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.01.2008.