Ir o contido principal

Investigadores da USC validan a primeira técnica para detectar o virus da aleutiana do visón no ambiente con PCR a tempo real

Gonzalo Fernández e, á dereita, Alberto Prieto, recollen unha mostra nunha granxa da Coruña
Gonzalo Fernández e, á dereita, Alberto Prieto, recollen unha mostra nunha granxa da Coruña
O protocolo probado polo grupo Investigación en Sanidade Animal de Galicia supón un avance para o control da enfermidade vírica de maior impacto na produción de visóns

O grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga), con sede na Facultade de Veterinaria da USC, vén de desenvolver o primeiro protocolo e a primeira técnica de laboratorio que permite detectar o virus da aleutiana do visón a partir de mostras ambientais mediante PCR a tempo real.

O novo protocolo de actuación validado xa por Invesaga para a detección do virus da aleutiana do visón, un avance do que xa deu conta no seu último número a revista 'Veterinary Microbiology', unha das de maior impacto en enfermidades infecciosas de veterinaria, permite cuantificar a contaminación, co que xa é posible establecer e determinar a cantidade de virus existente en diferentes mostras (solos, gaiolas, lubas, roupa...), segundo explica o profesor do Departamento de Patoloxía Animal da USC e membro do Invesaga, Gonzalo Fernández Rodríguez, quen desenvolveu este traballo xunto co investigador contratado Alberto Prieto e con José Manuel Díaz, bolseiro da Xunta de Galicia. A maior dificultade para detectar o virus da aleutiana do visón débese á existencia de inhibidores da PCR no medio, o que tiña imposibilitado ata o momento acadar unha técnica válida, a pesar de tratarse dunha cuestión de interese para diversos equipos de investigación de todo o mundo, subliña Fernández Rodríguez, ao tempo que sinala que este descubrimento reforza o prestixio do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia, que centra o seu traballo no estudo das enfermidades infecciosas e parasitarias dos animais domésticos e silvestres. A validación dun protocolo e técnica de laboratorio para a detección da aleutiana do visón constitúe un descubrimento de grande impacto, xa que se trata da enfermidade vírica (Parvovirus) con maior transcendencia na produción desta especie, explica Fernández Rodríguez. Este profesor e investigador da USC relata asemade que a pesar de que se levaban décadas desenvolvendo programas de control da enfermidade (baseados na detección dos animais enfermos por probas diagnósticas e sacrificio, os principais países produtores de visón, entre os que se atopan Dinamarca, Holanda ou, entre outros, Canadá, aínda non conseguiran erradicar esta enfermidade nas súas cabanas dunha especie que, no caso de España, cómpre salientar a cabana de Galicia, que está localizada principalmente na provincia da Coruña. Fernández Rodríguez sinalou que no caso da aleutiana do visón, do mesmo xeito que noutras moitas enfermidades víricas, pode ser importante a permanencia ou non do virus no medio, xa que de persistir, o virus pode contaminar a roupa, as ferramentas, maquinaria..., co que se facilita, por non falar de multiplicación do risco, a súa transmisión dunha granxa a outra. Neste senso, o profesor da USC Gonzalo Fernández Rodríguez lembra que nalgúns casos vólvese a atopar a enfermidade nunha mesma granxa incluso despois de proceder ao sacrificio de todos os animais e logo de realizar as correspondentes tarefas de limpeza desinfección das instalacións. A preocupación suscitada no sector por este tipo de casos de reincidencia da aleutiana do visón nas mesmas explotacións, unha situación lóxica dada a inexistencia de ferramentas para detectar o virus no ambiente, o que tamén impedía poder valorar as vías de contaxio nin as a eficacia das medidas de limpeza e desinfección acometidas, foi o motivo polo que a Asociación Galega de Produtores de Visón (Agavi) estableceu vías de colaboración co grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia, da USC, en aras a acadar unha solución definitiva á grave problemática advertida. Alcance da investigación A técnica de laboratorio que permite detectar o virus da aleutiana do visón a partir de mostras ambientais mediante PCR a tempo real desenvolvida polo Invesaga xa se está a aplicar en moitas nas explotacións de visón españolas, que, interesadas en avaliar os riscos de infección nas granxas e os métodos de limpeza e desinfección, remiten mostras ao laboratorio do Invesaga na Facultade de Veterinaria de Lugo. Gonzalo Rodríguez sinala asemade que esta técnica tamén se está a empregar para coñecer as vías máis importantes de transmisión entre as granxas de visón, o que, na opinión deste investigador, ten gran importancia na concienciación dos produtores á hora de adoitar medidas de bioseguridade e tamén como guía para que se centren naquelas actuacións que teñen máis importancia. Alén do impacto da repercusión que tivo este descubrimento entre os productores de visón emprazados en España, o Invesaga xa ten recibido solicitudes doutros grupos de investigación doutros países que teñen interese nesta temática. Cómpre dicir tamén que, logo da difusión dos resultados desta investigación desenvolvida polos membros do Invesaga, os responsables deste laboratorio con sede no campus de Lugo tamén recibiron mostras chegadas doutros países para proceder á súa análise. A aplicación de técnicas de bioloxía molecular na detección de virus en mostras ambientais en veterinaria pode ser de grande interese no control e no coñecemento das diferentes enfermidades, sinala Gonzalo Fernández. Este investigador da USC, que precisa que ata o momento son escasísimos os equipos de investigación que lograron desenvolver este tipo de técnicas nalgunha enfermidade, adianta que o Invesaga está a comezar investigacións sobre outras enfermidades nas que agarda poder aplicar a experiencia adquirida no caso da aleutiana do visón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2014.