Ir o contido principal

Deportes

Irene Montemuíño obtén o bronce no Europeo SUB21 de taekwondo de Bucarest

Irene Montemuíño amosa o bronce obtido no Campionato Europeo SUB21 de taekwondo en Bucarest
Irene Montemuíño amosa o bronce obtido no Campionato Europeo SUB21 de taekwondo en Bucarest
É a terceira medalla europea en 15 días que obtén alumnado da USC do grupo de rendemento de taekwondo

A alumna de Psicoloxía da USC Irene Montemuíño logrou unha medalla de bronce no Campionato Europeo SUB21 de taekwondo que se celebrou en Bucarest a pasada semana. Trátase da terceira medalla europea en 15 días que obtén alumnado da USC do grupo de rendemento de taekwondo, logo de que en novembro Tomás Fernández Herrerín Rodríguez, do grao en Medicina, e Rubén Galdo Maira, do grao en Criminoloxía, obtiveran dúas medallas durante a súa participación en Austria no Campionato de Europa de Taekwondo Poomsaes. Os ‘poomsaes’ ou ‘pumses’ de taekwondo son combinacións de movementos, executados contra un ou varios atacantes ficticios, que representan ataques e defensas executados nunha orde concreta.

Tomás Fernández e Irene Montemuíño xa foran os vencedores nos Campionatos de España Universitarios de Taekwondo celebrados en Burgos o pasado mes de marzo. Fernández logrou o ouro na modalidade de poomsaes, mentres que Montemuíño acadouno na categoría feminina -62 kg.

A USC aposta por promover grupos de adestramento nos que alumnado que practica deportes de alto nivel pode desenvolver todo o seu potencial e compatibilizalo coa súa vida académica. “Queremos apostar por acordos coas federacións, coas que estamos a manter diversas xuntanzas, para crear núcleos de adestramento e que a USC sexa punto de referencia para este tipo de deportistas”, explica Javier Rico, delegado do reitor para o Deporte. Unha boa proba do éxito desta fórmula é o caso do grupo de adestramento en taekwondo, froito do acordo entre a Federación Galega de Taekwondo e a USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2023.