Irish Distillers supervisa en Lugo masas de carballos aptos para a fabricación de toneis e avalía o uso do castiñeiro para barricas
Unha delegación da destilería irlandesa Irish Distillers, unha empresa pertencente á multinacional francesa Pernod Ricard que colabora desde hai anos co grupo GI-1720 BioModem (Modelización, Energía e Mecanización en Biosistemas) da USC, con sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, nunha liña de investigación orientada á posta en valor dos recursos forestais de Galicia e ao seu potencial aproveitamento en tonelería, vén de completar unha estadía en Lugo para supervisar o estado de diversas carballeiras da provincia previamente seleccionadas polas aptitudes da súa madeira para a elaboración de toneis.
Acompañados do profesor da EPS de Enxeñaría Pablo Vila Lameiro, así como doutros investigadores do grupo BioModem como Adriana Conde Fernández, os irlandeses Kevin O'Gorman, Paddy Purser e Curran Finnbarr, analizaron o estado e a evolución dos traballos que está a desenvolver a USC en colaboración coa súa empresa, ao tempo que planificaron os pasos a dar nos vindeiros meses, proxectos entre os que cómpre salientar a investigación do uso da madeira de castiñeiro en tonelería.
A xa dilatada colaboración que mantén a compañía Irish Distillers coa EPS de Enxeñaría da USC tense traducido ata o momento no establecemento de contactos con propietarios de carballeiras con superficie e dimensións que resultan interesantes para o seu uso e explotación en tonelería.
Trátase de masas con pés de carballo libres de pólas ata alomenos seis ou sete metros de altura, destacada rectitude do fuste e dimensións mínimas diametrais por enriba dos 35 centímetros. Aínda que este tipo de pés non son os máis abondosos, segundo precisa Vila Lameiro, a boa calidade das masas galegas de carballos asegura abastecemento de materia prima. O aproveitamento destas masas vai sempre acompañado tanto do seu selo de Certificación Forestal FSC como dun Plan de Corta que asegura a persistencia de masa de carballo onde estes pés foron extraídos.
Outro dos cometidos da presenza desta comitiva irlandesa no campus de Lugo é o de avanzar no potencial uso da madeira de castiñeira en tonelería. De feito, ben é sabido que a madeira de castiñeira empregouse para a fabricación de grandes barricas dende a época dos romanos ata o século pasado. Sabedores desta tradición, as novas liñas de investigación están van encamiñadas cara a valorar con precisión a aptitude física, mecánica e tecnolóxica para tal uso, unhas prestacións que xa quedaron contrastadas logo dos traballos realizados no último ano.
Ante o éxito das pescudas xa realizadas, o grupo BioModem da USC e Irish Distillers acordaron continuar a traballar nos próximos meses na posta en valor das masas de carballo válidas para tonelería mediante unha xestión sostible que asegure a súa renovación, á vez que garante o abastecemento da industria de toneis. Outro dos compromisos adquiridos entre este grupo de investigación da EPS de Enxeñaría de Lugo e a destilería irlandesa é o de dar continuidade aos traballos con castiñeiro, a fin de analizar a aptitude enolóxica da súa madeira a través da análise de compoñentes volátiles que esta madeira pode transmitir aos licores durante o seu proceso de maduración.
A colaboración internacional que manteñen neste eido a USC e Irish Distillers constitúe xa unha iniciativa con ramificacións en empresas da provincia de Lugo e de fóra de Galicia e España. Esta actuación conta asemade co apoio da Deputación Provincial de Lugo, que ve nesta liña de traballo unha oportunidade para dar un maior pulo á xestión sustentable do monte galego, tal e como o subliñou o vicepresidente institución provincial e deputado delegado da área de Medio Ambiente, Argelio Fernández, durante a recepción ofrecida á comitiva irlandesa, un acto no que o responsable político lugués salientou os esforzos que está a realizar o goberno provincial a prol do asociacionismo e da unificación de grupos de propietarios forestais baixo unha mesma figura fiscal e física, unha ferramenta acaída para facilitar a xestión e posta en valor do monte, ademais de para mellorar as condicións de vida en áreas rurais.