Ir o contido principal

Italia, próxima sesión do ciclo dedicado á musica instrumental e vocal do século XVII

Cartel do ciclo
Cartel do ciclo

A música na Italia do século XVII, con particular atención a Roma, Bolonia e Venecia, porá a melodía da segunda sesión do ciclo iniciado o pasado mes de novembro co lema ‘Le nuove musiche. A música instrumental e vocal do século XVII’. O concerto celebrase no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) o luns 10 a partir das 20.30 horas. A soprano Ana Vieira Leite; Pedro Sousa Silva, frauta; Fernando Santiago García, violín; e Hugo Sanches, tiorba, interpretarán un repertorio conformado con pezas de Leoni, Monteverdi, Piccinini, Frescobaldi, T. Merula, Palestrina/Rognoni, Buonamente e Strozzi.

O ciclo
O ciclo está centrado no seicento, “a época musical de occidente na que se sucederon os maiores e máis transcendentes cambios de todo o seu devir”, tal e como manifesta o profesor de Historia da Música da USC, Javier Garbayo. É o período no que nace o Barroco, no que a música instrumental adquire maiores dimensións grazas aos importantes avances técnicos e construtivos dos instrumentos, á aparición de executantes cada vez máis especializados e á incorporación e experimentación de novas formas e códigos de composición.

Ao longo dun total de seis concertos desvélanse diferentes faces deste período que, segundo Garbayo, recolle “todo un mundo de experimentación sonora e de fantasía que se abriu coa nova música barroco, cuxo éxito non sería posible sen a complicidade do público. O Barroco é, ante todo, unha arte creada para sorprender ao espectador, traspasándose en moitas ocasións os límites do propio son. E como público que somos, a música creada nese momento segue hoxe excitando o noso espírito, con propostas sorprendentes pola súa modernidade e ousadía, a pesar de ter xa, nalgúns casos, 400 anos de vida ás súas costas”.

Á sesión do próximo luns 10 seguiralle outro concerto en xaneiro con madrigais, ao que tomará o relevo o concerto arredor do Manuscrito Guerra, xa no mes de febreiro. En marzo o concerto previsto leva por título ‘Lagrime mie, a che vi trattenete?’, mentres que a última sesión celebrarase o 30 de maio con música e poesía para Santa Clara.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.12.2018.