Os itinerarios formativos en Transformación Dixital para PAS e PDI incorporan formación en Intelixencia Artificial
A Estratexia de Formación da USC 2023-2026 establece tanto para o PAS como para o PDI cadanseu itinerario de Transformación Dixital, como primeiro e necesario chanzo para apoiar a transformación dixital da docencia, da xestión e dos servizos. A esta xeira de traballo e en consonancia coas liñas estratéxicas da USC, súmase agora tamén a formación en Intelixencia Artificial, que se inicia agora a través dun curso impartido por Senén Barro baixo o título ‘Iniciación á intelixencia artificial’ que se desenvolve este venres 24 e que tamén terá lugar en Lugo o 15 de decembro. O curso cubriu a totalidade das prazas ofertadas e mesmo tivo que amplialas, de tal xeito, que se chegou ás 200 persoas inscritas.
Deste xeito, preténdese favorecer o coñecemento e a reflexión sobre a IA, así como iniciativas innovadoras con vistas á súa posible introdución nos eidos da administración e os servizos da USC (por exemplo, na análise de datos, a toma de decisións, ou na mellora na prestación de servizos públicos), así como na transformación que supón para a docencia, eido onde suscita retos fundamentais sobre o papel do docente e sobre a experiencia de aprendizaxe.
No eido da Transformación Dixital, xa se programaron neste ano 35 accións formativas para ambos os colectivos, centradas no manexo de ferramentas corporativas, pero tamén na necesaria adaptación da docencia aos novos medios, metodoloxías e linguaxes para as titulacións híbridas e virtuais.