Ir o contido principal

O IV Ciclo mantén aberto o período de matrícula ata o 31 de xullo

Para a obtención do título de diplomado Sénior en IV Ciclo é necesario superar cinco cursos, nos cales se deben completar os 60 créditos da titulación. FOTO: Santi Alvite
Para a obtención do título de diplomado Sénior en IV Ciclo é necesario superar cinco cursos, nos cales se deben completar os 60 créditos da titulación. FOTO: Santi Alvite
O proceso pode formalizarse en liña ou de xeito presencial nos campus de Lugo e Santiago
Lugo, Santiago de Compostela

A USC mantén aberto o prazo de matrícula para a obtención do Diploma Sénior en IV Ciclo, un dos títulos ofertados no marco do programa de formación específico para estudantado maior de 50 anos. O período para solicitar praza esténdese ata o 31 de xullo e a inscrición pode formalizarse en liña ou de xeito presencial nas Unidades de Xestión Académica dos campus de Santiago e Lugo.

O IV Ciclo Universitario é unha oferta educativa da Universidade específica para estudantado maior de 50 anos, con independencia do seu nivel educativo previo, para dar resposta á crecente necesidade de formación que existe en Galicia entre persoas de idade avanzada. O programa comezou a impartirse no curso 1997-98 e dende entón foi aumentando exponencialmente a súa matrícula ata chegar hoxe a milleiros de estudantes. 

Para a obtención do título de diplomado Sénior en IV Ciclo é necesario superar cinco cursos, nos cales se deben completar os 60 créditos da titulación. En cada curso haberá que superar un mínimo de catro materias optativas, das consideradas materias permanentes no plano de estudos, e tamén poderán cursarse ata tres créditos mediante actividades complementarias recoñecidas. As persoas diplomados Sénior en IV Ciclo poderán optar á obtención do Diploma Excelsior en IV Ciclo.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2024.