O IV Ciclo mantén no campus lugués un colectivo universitario sénior estable no que participan arredor de 150 persoas
O IV Ciclo Universitario, un programa independente e diferenciado de estudos universitarios orientado á formación de persoas maiores de 50 anos, mantén nos últimos anos no campus de Lugo un colectivo de alumnado no que participan arredor de 150 persoas, segundo puxo de manifesto o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, no acto de divulgación desta iniciativa de extensión universitaria celebrado no salón de actos da Deputación de Lugo.
A consolidación no campus de Lugo desta proposta formativa orientada ao público sénior e a través das que a Universidade de Santiago afonda no seu compromiso social ao facilitar o acceso a formación universitaria a persoas maiores de 50 anos, foi outra das cuestións subliñadas por García Herradón. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus salientou neste senso a boa acollida e o éxito de participación rexistrado nos estudos de IV Ciclo ofertados en Lugo desde a posta en marcha deste programa na USC a finais da década dos anos 90. O coordinador do programa de IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela no campus lugués, o profesor Emilio Carral Vilariño, recordou que o programa académico do IV Ciclo da USC ofrecerá o vindeiro curso 2013-2014 un total de 26 materias no campus de Lugo. Este amplo abano de temas atópase estruturado ao longo de catro cursos e, do mesmo xeito que os estudos universitarios, están tipificadas como materias obrigatorias, optativas e de libre configuración. Carral Vilariño destacou asemade “a fidelidade e a satisfacción” como características máis visibles dos alumnos de IV Ciclo. O coordinador deste programa de formación de maiores de 50 anos na sede universitaria luguesa explicou que a temática da oferta que o IV Ciclo é moi diversa e abrangue cuestións de economía e actualidade, informática, ecoloxía, historia contemporánea de España, historia de Europa e mesmo historia da cidade de Lugo. Análise do mundo rural, zooloxía, francés, territorio e paisaxe, astronomía, astrofísica e cosmoloxía, literatura galega, fisioloxía e saúde, alimentación saudable, estudo das células, xeografía, fundamentos de psicoloxía e coñecemento do corpo son outras das disciplinas que poderán cursar ao longo do vindeiro curso as persoas que formalicen a súa inscrición no IV Ciclo Universitario, unha proposta na que participan como relatores máis de vinte profesores universitarios das distintas áreas do coñecemento, así como outros relevantes especialistas. Este programa de formación de maiores, en cuxa presentación tamén participaron este venres os deputados provinciais Álvaro Santos, delegado da área de Cooperación cos Concellos, e Mario Outeiro, delegado de Cultura, ofrece ás persoas inscritas a posibilidade de cursar dous itinerarios diferentes, un ligado ao mundo cultural e outro máis relacionado cos ámbitos sanitario e ambiental. As sesións formativas do IV Ciclo comezarán a impartirse o vindeiro 14 de outubro e as clases desenvolveranse en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, nos distintos centros do campus. As persoas que estean interesadas en participar como alumnos no IV Ciclo aínda poden formalizar a súa inscrición na Unidade de Xestión Académica, emprazada no edificio que acubilla a Biblioteca Intercentros. Para máis información pódese consultar a páxina web www.usc.es/ivciclo. Relatorio sobre actividade solar e clima O profesor da Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemáticas da USC e tamén docente neste programa de formación de maiores, Manuel Andrade, ofreceu no marco desta sesión de divulgación do IV Ciclo universitario no campus de Lugo un relatorio que se desenvolveu baixo o título ‘Sobre a actividade solar e o clima da Terra’. Andrade relatou na súa intervención como o sol, por mor do seu complexo campo magnético, mostra fases de maior e menor actividade que se repiten ciclicamente cada once anos. Este comportamento do sol, segundo apuntan diversas investigacións podería estar relacionado con certos cambios observados no clima global da Terra. Asistentes á primeira charla do IV Ciclo do curso 2013-14, no salón de actos da Deputación de Lugo