O IV Ciclo Universitario clausúrase este venres no Colexio de Fonseca
O vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, preside este venres, 15 de xuño, o acto institucional de fin de curso do IV Ciclo Universitario que este ano contou con 230 matriculados, 150 en Santiago e 80 en Lugo.
Na clausura, que terá lugar ás 12:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, intervirán o director do IV Ciclo, Manuel Botana Agra; o director xeral de Acción Social, Xosé Bieito Seara; o padriño da promoción, o profesor asociado do Campus de Lugo Roxelio Pérez Moreira; e o alumno de quinto curso deste ciclo universitario no Campus de Lugo, Nilo Arias Gómez.
Ao longo da cerimonia procederase á entrega dos diplomas a todos os que acadaron o Graduado Senior durante o curso 2005-2006, así como á colocación de insignias aos alumnos da sexta promoción de Graduados Superiores Senior.
O V Ciclo UniversitarioO IV Ciclo Universitario é un programa formativo dirixido a maiores de 50 anos con independencia do seu nivel formativo. Estes estudos, que existen na Universidade de Santiago de Compostela dende o curso 1997-1998, teñen por obxecto promover a incorporación destas persoas aos estudos universitarios, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos que resposten ás necesidades e expectativas deste colectivo social.